Pide poñer en marcha esta medida piloto para que a veciñanza decida directamente en que se invisten os recursos municipais, como fan moitas cidades dende hai décadas
Xabier P. Igrexas: “A decisión sobre como usar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses non pode tomarse só en función do capricho do alcalde ou do seu grupo de Goberno”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón a posta en marcha dun programa piloto de orzamentos participativos en Vigo o vindeiro ano 2026. A fronte nacionalista vai trasladar esta medida á vindeira Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda para que as viguesas e vigueses decidan directamente en que se invisten un mínimo de 25 millóns de euros dos próximos presupostos do Concello.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considerou que “é momento de avanzarmos” para que a veciñanza e os colectivos sociais participen na definición dos orzamentos, por tratarse da “decisión máis importante” por definir a que se van destinar os recursos municipais e que necesidades se van atender. Unha medida que se desenvolve con éxito dende hai décadas en numerosas cidades do mundo e do Estado.
Igrexas defendeu os orzamentos participativos como unha fórmula para impedir a “xordeira absolutista” do Goberno de Abel Caballero, a quen reprochou que converta cada ano os orzamentos en “papel mollado” deixando máis de 100 millóns de euros sen executar. “Non podemos seguir soportando presupostos que insisten en gasto aparencial e grandes inauguracións, mentres os nosos barrios e parroquias continúan abandonados e as necesidades reais das viguesas e vigueses seguen desatendidas”, valorou.
Dende o Bloque reivindicaron esta medida como un “instrumento fundamental para fortalecer a democracia a nivel local, na certeza de que democracia é moito máis que votar cada catro anos”. Con orzamentos participativos, aseguraron, será a veciñanza quen decida de forma directa como cales son os proxectos prioritarios, fomentando a transparencia, reducindo desigualdades e dando voz a colectivos e veciñanza.
“A decisión sobre como usar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses non pode tomarse só en función do capricho do alcalde ou do criterio do seu grupo de Goberno”, afirmou o portavoz municipal do BNG, defendendo que “Vigo merece uns orzamentos de toda a cidade e para toda a cidade”.