HomePontevedraO BNG de Vigo propón mobilizar 37 millóns de euros adicionais para...

O BNG de Vigo propón mobilizar 37 millóns de euros adicionais para atender as necesidades reais da cidade

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista presenta un amplo paquete de emendas ás modificacións orzamentarias propostas polo Goberno municipal de Abel Caballero para o uso de remanentes

Propón triplicar, até os 21 millóns de euros, os recursos destinados a políticas municipais de vivenda e reforzar as políticas sociais, o investimento nos barrios, a mellora das instalacións deportivas, políticas de igualdade e promoción do patrimonio e do galego

Xabier P. Igrexas: “Temos que devolverlle ás viguesas e aos vigueses os recursos que a falta de xestión do Goberno municipal e continuada inexecución do seus propios orzamentos converteu en remanentes”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou un amplo paquete de emendas ás modificacións orzamentarias propostas polo Goberno municipal de Vigo co obxectivo de mobilizar os cuantiosos remanentes do Concello para responder ás principais necesidades da cidadanía.

Segundo o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, estas emendas céntranse en seis grandes eixos para impulsar políticas transformadoras en materia de vivenda, benestar social, investimento nos barrios e parroquias, mellora das instalacións deportivas, igualdade e promoción do patrimonio e da lingua galega.

As emendas das nacionalistas suman unha mobilización adicional de 37 millóns de euros á proposta polo executivo de Caballero e teñen como obxectivo, apuntou Igrexas, “devolverlle ás viguesas e aos vigueses os recursos que a falta de xestión do Goberno municipal e continuada inexecución do seus propios orzamentos converteu en remanentes”. Segundo explicou o portavoz municipal nacionalista estas propostas buscan que “o Concello utilice os seus inmensos recursos para atender as necesidades reais da veciñanza en todo o territorio da cidade”.

Triplicar o investimento en vivenda

O BNG propón triplicar os recursos destinados a políticas municipais de vivenda, pasando dos insuficientes 7 millóns de euros, previstos polo Goberno municipal, a 21 millóns. Esta proposta inclúe reforzar o programa Vigo Aluga, a compra pública de vivenda e a creación dunha Empresa Municipal de Vivenda, co obxectivo de garantir polo menos que se dispoñibilicen 260 vivendas de alugueiro a prezos accesíbeis fronte as apenas 50 proxectadas polo goberno. Ademais, defende a creación dun programa específico dotado con 1,5 millóns de euros para ofrecer alternativas habitacionais a persoas en situación de vulnerabilidade social.

No ámbito social, tamén propón duplicar as partidas destinadas a axudas sociais e incrementar até os 3 millóns de euros o Plan de Emprego Municipal, co fin de mellorar as condicións de vida da poboación máis vulnerábel.

Un “Plan Cidade” para os barrios e parroquias

Fronte ao “abandono continuado” dos barrios e parroquias de Vigo, o Bloque impulsa un programa extraordinario de investimentos, denominado “Plan Cidade”, cun orzamento de 15 millóns de euros. Este plan busca resolver os déficits en infraestruturas, equipamentos e servizos en todo o termo municipal.

As emendas nacionalistas inclúen, ademais, unha partida de 5 millóns de euros para un programa de mellora das instalacións deportivas municipais, cuxo estado actual foi cualificado como “lamentábel” polo portavoz municipal do BNG.

Máis recursos para a igualdade

O BNG esixe “máis recursos e menos discursos” en materia de igualdade, propoñendo destinar 300 mil euros á posta en marcha dun Plan integral de abolición da prostitución, unha medida anunciada polo Goberno municipal pero que, segundo Igrexas, “non existe nin no papel”.

Patrimonio e idioma

Finalmente, a fronte nacionalista aposta por protexer e valorizar o patrimonio de Vigo cun Plan de recuperación do patrimonio industrial, arqueolóxico e inmaterial, dotado con medio millón de euros, e pola posta en marcha dun Plan de promoción do uso social do galego cun programa de 300 mil euros.

Publicacións Relacionadas