A fronte nacionalista fixa a plena normalización da lingua galega como un dos obxectivos no seu programa electoral cara ás eleccións xerais do 29N
Roberto Pascual: “Son precisas medidas de difusión e coñecemento que garantan o uso da nosa lingua, e promover a nosa riqueza lingüística e cultural máis aló da Galiza”
Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir soportando que, na práctica, o galego siga a ser tratado como un obstáculo e lingua de segunda na Administración Xeral do Estado”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Congreso poñer fin ás trabas para uso da lingua galega con normalidade e garantir a súa presenza na produción e oferta audiovisual. A fronte nacionalista fixa a plena normalización da lingua propia como un dos obxectivos no seu programa electoral cara ás eleccións xerais do 29N.
Así o anunciou en Vigo o candidato nº2 ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, Roberto Pascual, que presentou algunhas das medidas do Bloque para avanzar na plena normalización até que Galiza conte con plena capacidade de decidir sobre a política lingüística. Denunciou a ese respecto a “discriminación” que padece o uso do galego en numerosos ámbitos de relación coa Administración central, en particular na xustiza ou trámites administrativos.
Dende o BNG comprométense a defender o dereito no uso da lingua propia tanto nas resolucións e comunicacións oficiais, garantir que estea dispoñíbel en todas as plataformas dixitais e o estrito respecto respecto da toponimia por parte dos distintos organismos. “Hoxe a Administración Xeral do Estado é unha fonte permanente de obstáculos para o uso do galego con normalidade”, cuestionou Pascual.
Audiovisual en galego
Outro dos eixos nos que a fronte nacionalista fixa o seu traballo no Congreso é no ámbito audiovisual. O Bloque demanda a reforma da Lei Audiovisual para garantir a plena igualdade das linguas oficiais do Estado e incentivar a difusión e produción audiovisual en lingua galega. Por exemplo, coa recuperación de Radio4, co aumento das horas de desconexión territorial de TVE e cunha aposta decidida polo público infantil coa inclusión de contidos en galego en Clan TV.
Para o Bloque é tamén necesario un incremento na liña de axudas dirixida ás producións audiovisuais en lingua propia por parte do Ministerio de Cultura, e esixir a dispoñibilidade da dobraxe e lexendaxe en galego nos catálogos das plataformas, nomeadamente nos contidos dirixidos ás crianzas.
Na mesma liña, o candidato nacionalista asegurou que o galego debe estar presente en condicións de igualdade no desenvolvemento da intelixencia artificial e dos servizos dixitais para “evitar que o futuro da nosa lingua dependa de ferramentas privadas que marxinen a nosa realidade cultural”. Para ese fin, chamou a despregar liñas de financiamento público que garantan a rexeneración dixital do idioma propia.
Promoción internacional
Pascual destacou tamén o cultural como un dos ámbitos chave do programa do BNG de cara ao coñecemento do patrimonio lingüístico de Galiza. “Son precisas medidas para promovelo a nivel internacional”, subliñou, para o que demandou que as diferentes expresións culturais en galego sexan divulgadas nas mesmas condicións que o resto de linguas oficiais.
No camiño dunha maior proxección internacional da lingua galega, a fronte nacionalista continuará a defender a súa oficialidade plena na Unión Europea e o ingreso como membro asociado en organismos como a Unesco ou a OMT. Aliás, pide impulsar o papel da Galiza como “ponte natural” co espazo lusófono, promovendo políticas de cooperación e aproveitando o potencial do galego como valor estratéxico no mundo.
Ameaza galegofóbica
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, enfatizou a necesidade de que haxa “moitos máis avances e moito máis profundos nas políticas estatais” para garantir “ o dereito de todas as viguesas e vigueses, como galegas e galegos que somos, a podermos vivir plenamente no noso idioma”.
Nese sentido, Igrexas advertiu da “ameaza real” que para a lingua galega e os “tímidos avances” logrados nos últimos anos, representan as políticas galegófobas da dereita ultraespañolista. “Comezan cuestionando que se poida seguir intervindo en galego na tribuna do Congreso, pero o obxectivo de PP e Vox é estrangular aínda máis a nosa lingua, porque na súa ‘España Una’ non cabe o galego”, exemplificou.
“Non podemos seguir soportando que, na práctica, o galego siga a ser tratado como un obstáculo e lingua de segunda na administración xeral do Estado”, reclamou o portavoz municipal do Bloque. Neste sentido, acrecentou que “a nosa lingua non pode seguir sendo castigada ou excluída en ámbitos tan importantes como a Xustiza e de tantos organismos públicos estatais, que mesmo se negan a tramitar reclamacións se van escritas en galego, malia ser unha lingua oficial”.
Para Igrexas, o feito de que Vigo rexistre os niveis máis baixos de uso do galego no conxunto das cidades, tal e como recolle o último estudo do IGE, “non pode levarnos á frustración, á resignación, nin a falsas conclusións”.
“Esta realidade non responde á liberdade nin á vontade social, é resultado de políticas discriminatorias contra a lingua galega. En Vigo hai unha maioría social que se orgulla do noso idioma e á que lle gustaría que o galego teña cada vez máis uso e espazo. E iso defenderá tamén un BNG con aínda máis forza en Madrid fronte a ameaza de retrocesos e galegofobia que representan PP e Vox”, remachou Igrexas.

