Trátase dunha escolma de 75 artigos ambientados na comarca, onde o célebre escritor estableceu a súa residencia
O Concello de Nigrán presenta este venres 6 de novembro ás 19:00 horas no Centro da Terceira Idade da Ramallosa o libro de Carlos Casares ‘Nas marxes do Miñor’. A obra reúne unha selección de 75 artigos do célebre escritor ambientados na contorna do Val Miñor e que fan referencia a situacións, historias, lembranzas, paisaxes e outros asuntos localizados nos concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona. Editado por Galaxia coa financiación do Concello de Nigrán e a colaboración da Deputación de Pontevedra, forma parte tamén do preludio dos actos que a Fundación Carlos Casares e o Concello preparan para o 2027, ano no que se conmemora o 25 aniversario do pasamento deste autor enterrado no Cemiterio Municipal de San Fiz (Nigrán).
“Foi unha honra que Carlos Casares elixise Nigrán para vivir e o certo é que na súa obra deixou moitas pegadas sobre a comarca, por iso con este libro queremos subliñar este feito que tanto nos enorgullece como Concello”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca a calidade literaria dos textos seleccionados por Carlos Xabier Ares Pérez, secretario da Fundación, e que se corresponden a artigos publicados entre 1992-2002 na columna de A Marxe de La Voz de Galicia. O libro inclúe unha introdución de Carlos Ares e, ademáis dos 75 artigos, inclúe fotografías maiormente recollidas no arquivo persoal de Casares e tamén vinculadas ao escritor e o Val Miñor.
Para a presentación elixiuse o Centro da Terceira Idade da Ramallosa por ser un lugar habitual de tertulia de Carlos Casares. No acto intervirá o alcalde, Juan A. González; Carlos X. Ares (Secretario da Fundación Carlos Casares) e Xosé Manuel Soutullo (Conselleiro de Administración da Editorial Galaxia). Ademáis, haberá un interludio musical a cargo do Grupo de Cámara da Agrupación Musical de Vincios.
O Concello de Nigrán desenvolve anualmente un certame literario dirixido aos escolares do municipio co fin de promover a figura do escritor e o uso da lingua galega entre a mocidade do municipio. Ademáis, coma no 2017, cando se lle adicaron as Letras Galegas, no 2027 o Concello conmemorará con diferentes actividades os 25 anos do seu pasamento.

