HomePontevedraO SalnésO BNG denuncia o estado de abandono do merendero de Baltar

O BNG denuncia o estado de abandono do merendero de Baltar

- Anuncio -spot_img

O Bloque censura os actos vandálicos rexistrados no merendero e advirte da rotura do panel informativo, grafitis e suciedade

Os nacionalistas reprochan a Telmo Martín a súa inacción sobre o deterioro da pasarela de madeira da praia

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo amosa a súa preocupación polo estado de abandono no que se atopa a contorna de Baltar, un feito especialmente grave cando nos atopamos xa en pleno verán. Os nacionalistas dan voz ás queixas transmitidas por residentes da zona, que advirten das deficiencias que presenta o merendero, un dos puntos de encontro máis importantes da parroquia de Adina.

Os nacionalistas censuran os actos vandálicos que se rexistraron nun espazo que “habitualmente é moi utilizado por familias do pobo e tamén por turistas e visitantes” e que se atopa nas proximidades do IES. Nos últimos días a zona sufriu a rotura do panel informativo, ademais de grafitis na fonte e noutros elementos do mobiliario. A maiores, o BNG tamén amosa a súa preocupación polo estado de abandono e a suciedade que presentan varias mesas e bancadas, así como as grelladas. Por todo isto, o Bloque insta ao Goberno municipal a que actúe o máis rápido posible, máximo tendo en conta que “estas deficiencias xa levan tempo sen seren arranxadas”.

O BNG incide en que “son traballos que non supoñen ningún custo extra e que, ademais de mellorar a imaxe do noso municipio, garanten a comodidade e seguridade dos usuarios e usuarias”.

Pasarela de madeira

Os nacionalista tamén se pronuncian sobre o grave deterioro que expeirmenta a pasarela de madeira situada na zona dunar de Baltar, entre a praia de Portonovo e a estrada. Se ben é certo que a actuación corresponde a Costas do Estado, desde o BNG teñen claro que este abandono tamén é froito da inacción e incapacidade de xestión de Telmo Martín. “Os desperfectos que denuncia o alcalde non son algo novo. Desde o BNG xa denunciamos en varias ocasións a necesidade de que se xestionase ante o Goberno central unha actuación para renovar por completo esta senda”, recorda o grupo da oposición. O seu voceiro, Fran Leiro, recorda que “non hai nin un mes que unha persoa sufriu unha caída, debido a unha táboa solta”. O mal estado tamén queda patente en tornillos e achas que se poden atopar polo chan e que tamén supoñen un risco para os e as viandantes.
“O señor Martín non pode excusarse detrás doutra administración á hora de xustificar a súa incapacidade para evitar esta situación. A rehabilitación integral corresponde a Costas, pero o mantemento é cousa do Concello, tal e como el mesmo recoñece”, salientan os nacionalistas, que denuncian, precisamente, esa falta de mantemento.

Ademais, esta situación tamén demostra “o nulo peso político que ten Telmo Martín ante outras administracións, como xa ten demostrado tamén coa Xunta de Galicia, que, a pesar de estar gobernada polo Partido Popular, maltarata á veciñanza de Sanxenxo deixando proxectos e actuacións moi importantes no caixón, como o enlace do polígono de Nantes con Vilalonga, a reforma do pavillón da Florida ou a ampliación e dotación de máis persoal para o Centro de Saúde de Baltar”, finalizan.

Publicacións Relacionadas