O BNG manifesta que tras sete anos de abandono e promesas incumpridas, Marín continúa sen o plan esencial para frear o deterioro dos seus cascos antigos; o BNG advirte que non permitirá máis anuncios sen feitos concretos.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) espera que o goberno do Partido Popular (PP) cumpra coa promesa da redacción do Plan Especial de Protección dos Cascos Históricos, anunciado recentemente en nota de prensa.
O plan leva pendente dende 2018, ano no que o BNG impulsou unha moción para a súa elaboración, aprobada por unanimidade pero que nunca se executou. En 2022 e 2023, o grupo nacionalista volveu insistir na necesidade de activar este instrumento, clave para preservar os cascos antigos de Marín e Cantodarea, tal como establece o PXOM aprobado en 2012.
A inacción do goberno de María Ramallo está a empurrar Marín cara a unha situación de abandono patrimonial, dificultando a rehabilitación de vivendas e deixando numerosos edificios en estado precario ou mesmo en risco de derrubo.
Dende o BNG sinalan que, tras sete anos de espera, o anuncio do Plan Especial chega tarde e non é máis ca unha obrigación pendente. Advirten que este compromiso debe materializarse de inmediato, xa que o deterioro dos cascos históricos continúa avanzando sen freo. A formación avisa: manteranse vixiantes para que non quede, outra vez, nun anuncio baleiro sen feitos nin solucións reais.