HomePontevedraBaixo MiñoO BNG levará ao Parlamento unha iniciativa para que a Xunta regule...

O BNG levará ao Parlamento unha iniciativa para que a Xunta regule as plantacións agrícolas en zonas residencias

- Anuncio -spot_img

Os deputados nacionalistas Brais Ruanova, Sonia Vidal e Ariadna Fernández  reuníronse coa Asociación de Veciños de Carregal para coñecer as súas inquedanzas sobre as plantacións de viñedos e o impacto das actividades agrícolas. 

O BNG preguntará no Parlamento Galego se a Consellería de Medio Rural está a facer un seguimento efectivo do uso de abonos, competencia exclusivamente autonómica, ante a preocupación pola proliferación de moscas. 

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no Parlamento Galego unha iniciativa para que a Xunta de Galicia asuma as súas competencias no medio rural e se pronuncie sobre que medidas pensa tomar fronte á problemática das pragas de moscas, que afectan non só a Tomiño, senón tamen a outros concellos galegos. Ademais, a iniciativa busca clarificar a posición da Xunta sobre os criterios de implantación dos viñedos que ela mesma autoriza e sobre a convivencia que se debe garantir coa poboación local, así como a aplicación de produtos fitosanitarios. 

Esta iniciativa parlamentaria vai ser presentada tras a visita realizada na xornada de onte por deputados do BNG, quenes se reuniron con veciños de Carregal para coñecer de primeira man o impacto que está a ter o desenvolvemento de proxectos agrícolas en zonas habitadas, onde é fundamental garantir unha convivencia adecuada e respectuosa coa veciñanza. 

O portavoz municipal do BNG, Uxío Benítez, criticou a hipocrisía do Partido Popular de Tomiño, que agora pretende denunciar esta situación cando, en realidade, leva anos mirando para outro lado. “O PP de Tomiño non tivo reparo en fotografarse coa conselleira de Medio Rural nunha adega de Carregal o pasado novembro sen aproveitar a ocasión para preguntarlle que está facendo a Xunta ou que medidas ten previsto tomar”, denunciou Benítez. 

Desde o BNG subliñan que todas as problemáticas relacionadas coa implantación do sector agrícola no territorio son competencias exclusivas da Xunta de Galicia, que leva desde o principio sen actuar. “Unha vez máis, é o Concello de Tomiño o que está a buscar solucións mentres a Xunta mantense de brazos cruzados”, apuntou Benítez. 

A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia debe asumir a súa responsabilidade en materia de control das explotacións agrarias, pois estas dependen dos servizos agrarios autonómicos, polo que só ela debe pronunciarse e aclarar se existen vertidos descontrolados, así como establecer medidas eficaces para evitar os problemas de convivencia que están a xerar estes proxectos. 

Pola súa banda, o PP de Tomiño segue a facer a “política de barro” propia de Lara Meneses, adoptando unha actitude de dobre moral ao defender sempre os intereses da Xunta por riba das necesidades da veciñanza. “A súa estratexia é clara: na hora da verdade, poñerse do lado da Xunta e nunca do lado da xente de Tomiño”, engadiu o portavoz nacionalista.

Publicacións Relacionadas