A fronte nacionalista afea a “instrumentalización continua que fan das institucións ao servizo das súas estratexias partidistas”, cuxo último exemplo é a recuperación da ETEA
Xabier P. Igrexas: “O BNG apostamos por actuar con man firme para defender a maior cidade de Galiza, pero tamén con man tendida para facela avanzar”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a PSOE e PP que “deixen de instrumentalizar as institucións e administracións públicas ao servizo das súas estratexias partidistas en Vigo”. A fronte nacionalista afea a “infantil guerra de selfies” entre ambas forzas pola sinatura do convenio para a recuperación da ETEA após 24 anos da saída dos militares deste ámbito.
“É apenas o máis recente exemplo dunha estratexia irresponsábel por parte duns e doutros”, acusou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. “A cidade non pode seguir sendo refén da lea partidista na que PSOE e PP utilizan sen disimulo recursos públicos para tentar doparse con propaganda”, afeou, asegurando que neste contexto “quen sempre perde é a cidadanía”.
Así, tachou de “inaceptábel” que o PSOE utilice o Concello de Vigo e o Consorcio da Zona Franca “como se fosen a súa leira particular”. E tamén o uso da Deputación de Pontevedra por parte da presidenta local do PP, Luísa Sánchez, para a súa campaña persoal en Vigo, ou da delegación da Xunta como “comisariado de propaganda do PP”.
Igrexas chamou a poñer fin a “tanta escenificación e sobreactuación”, lamentando que os proxectos para a cidade se utilicen como “atrezo para maior gloria dos egos desbocados” dos líderes locais de PSOE e PP. “Xa chega de codazos para ver quen sae na foto”, reclamou en relación ás continuas polémicas entre ambas forzas.
Demandou por estes motivos que as administracións actúen desde a cooperación para atender as necesidades da cidade e “facer avanzar Vigo”, con “menos protagonismos persoais e partidismo cutre, e con máis feitos e solucións”.
Un Novo Vigo
“O BNG non vamos entrar nese xogo nin chapotear no canto peor, mellor”, afirmou o portavoz municipal. Asegurou que a fronte nacionalista vai seguir esixindo “con firmeza” que todas as institucións cumpran coa maior cidade galega “goberne quen goberne”, de vez que actuando “de maneira construtiva” para facer posíbeis os acordos. “Man firme para defender a cidade, pero man tendida para facela avanzar”, resumiu.
Ese é o camiño fixado polo BNG para “construírmos, entre todas e para todos, un novo Vigo”. Igrexas reivindicou unha cidade máis habitábel e verde, que garanta o dereito á vivenda, con máis e mellores servizos públicos, cultura, deporte e con políticas e alternativas para a mocidade.
“Un Vigo radicalmente igualitario e comprometido coa xustiza social. Un Vigo que se converta no motor de todo un País, no pulmón produtivo de Galiza e na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións. Ese Vigo en grande que non cabe nas miras estreitas de quen só olla para o seu propio embigo”, remachou o portavoz municipal do Bloque.



