O BNG reclama reactivar o Consello Escolar Municipal tras máis de dous anos sen convocarse

adminON
Lectura mínima de 2

Lucía Santos Omil denuncia que é inxustificable que o Consello Escolar Municipal leve máis de dous anos sen convocarse. O goberno local non pode seguir ignorando as necesidades dos centros educativos públicos nin da comunidade escolar de Marín

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) levará ao Pleno Municipal do vindeiro xoves 10 de xullo unha moción na que solicita a convocatoria do Consello Escolar Municipal ao comezo do curso académico. Este órgano, que leva sen reunirse desde abril de 2022, é a principal ferramenta de participación democrática da comunidade educativa a nivel local.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos Omil, denuncia que “é inxustificable que o Consello Escolar Municipal leve máis de dous anos sen convocarse. O goberno local non pode seguir ignorando as necesidades dos centros educativos públicos nin da comunidade escolar de Marín”.

O Consello Escolar Municipal está formado por representantes dos centros escolares, ANPAS, alumnado e representantes institucionais, e cumpre unha función clave como espazo de diálogo e planificación educativa. “É fundamental restablecer esta canle de comunicación para coñecer a realidade de cada centro con datos concretos e trazar estratexias que poñan en valor a escola pública”, subliña Santos Omil.

Actualmente, Marín conta con 13 centros educativos —11 públicos e 2 concertados—, mais nos últimos cursos rexistrouse un descenso continuado nas matrículas dos centros públicos, especialmente nos ciclos de infantil e primaria. Para o BNG, esta tendencia require unha resposta institucional clara e firme.

Desde o BNG lembran que hai apenas tres anos pechou o colexio Nosa Señora do Carme, un feito que consideran “un precedente que non pode repetirse”. Por iso, fan un chamamento ao goberno municipal para que “deixe de dar as costas á educación pública e se poña a traballar con responsabilidade e vontade política real”.

Comparte este artigo