O CEIP Mestre Martínez Alonso celebra a xornada solidaria “Un mar de boas accións” unindo deporte, innovación e compromiso social

Redacción

O CEIP Mestre Martínez Alonso celebrou este 17 de xuño a xornada solidaria “Un mar de boas accións”, unha iniciativa que reuniu alumnado, familias e comunidade educativa arredor de dous proxectos que simbolizan a identidade do centro: a IV Carreira 261 Sen Medo e a mostra solidaria do proxecto Mare Matria.

A xornada comezou coa celebración da IV Carreira 261 Sen Medo, unha actividade coa que o centro rende homenaxe á figura de Kathrine Switzer, a primeira muller que participou oficialmente nun maratón, convertida hoxe nun símbolo da igualdade e da superación de barreiras.

Todo o alumnado do centro, desde Educación Infantil ata 6º de Primaria, participou na carreira levando o dorsal 261, o mesmo que utilizou Switzer naquela histórica proba. As familias tamén se sumaron á iniciativa, acompañando os seus fillos e fillas nunha actividade que promove a igualdade, a convivencia e a participación da comunidade educativa.

Nesta edición, a carreira contou ademais coa presenza de Sofía Freiría Ucha, exalumna do centro e destacada promesa do tenis de mesa galego, que exerceu como madriña da proba e compartiu coa rapazada os valores do esforzo, a constancia e a superación persoal.

Trala carreira, as familias tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o labor desenvolvido por FEGEREC, Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, a través dun encontro informativo organizado pola propia entidade.

A segunda parte da xornada estivo dedicada ao proxecto Mare Matria, unha iniciativa educativa desenvolvida no marco do ecosistema de innovación C Lab (Coexistence Lab) do centro. Durante a exposición, as familias puideron descubrir as coleccións de bixutería deseñadas polo alumnado e elaboradas mediante impresión 3D, resultado dun proceso de aprendizaxe que integrou deseño, tecnoloxía, sustentabilidade e creatividade.

Nos diferentes stands instalados para a ocasión, os asistentes puideron adquirir as pezas creadas polos escolares mediante achegas solidarias. A totalidade da recadación obtida será destinada a FEGEREC, reforzando así o carácter social dun proxecto que combina innovación educativa e compromiso coa comunidade.

A través de Mare Matria, o alumnado participou en todas as fases do proceso creativo, desde a investigación e o deseño inicial ata o modelado dixital, a impresión 3D e a presentación final das pezas. O proxecto constitúe un exemplo de aprendizaxe con sentido, no que a tecnoloxía se converte nunha ferramenta para promover a conciencia ambiental, a igualdade e a solidariedade.

Durante a visita á exposición, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, felicitou ao alumnado e ao equipo docente polo traballo realizado, destacando a capacidade do proxecto para combinar innovación, creatividade e compromiso social. A rexedora puxo en valor iniciativas educativas que conectan a aprendizaxe coa realidade e que fomentan entre os máis novos valores como a solidariedade, a igualdade e o respecto polo medio ambiente, ao tempo que achegan o alumnado ás novas tecnoloxías e ao deseño.

Comparte este artigo