O Club Tenis de Mesa Mos fai historia no Campionato de España de tenis de mesa adaptado

Redacción

O Club Tenis de Mesa Mos asinou unha actuación histórica na primeira parte do Campionato de España de tenis de mesa adaptado, unha cita na que competiron deportistas con discapacidade e na que a entidade logrou uns resultados sobresalientes.

A gran protagonista foi Martina Sande, que fixo historia ao proclamarse campioa de España en cadeira de rodas, converténdose na primeira muller en lograr este título. Ademais, conseguiu a vitoria na final ante o xogador paralímpico en París, Francisco Javier López 13 veces campión de España, nun triunfo de enorme prestixio.

Tamén destacou a actuación de Sofía Freiría, que mellorou o resultado conseguido na pasada edición e proclamouse subcampioa de España. A xogadora estivo moi preto do título, chegando a dispoñer de dúas bólas de partido nunha final moi igualada que finalmente caeu ao lado do seu rival.

Pola súa banda, a debutante Micaela Pasos asinou unha brillante participación no seu primeiro Campionato de España, logrando un meritorio terceiro posto en clase 1 e deixando grandes sensacións de cara ao futuro.

Outro dos nomes salientables foi José Mario González, que regresaba á competición nacional quince anos despois da súa última participación nun Campionato de España. Na súa volta, conseguiu un excelente terceiro posto en clase 7, confirmando o seu gran nivel competitivo.

En canto aos debutantes, Mateo Sousa/Sousa, o xogador máis novo entre todos os participantes de pé, logrou sumar unha vitoria na fase de grupos antes de quedar eliminado, completando unha actuación moi prometedora. Pola súa banda, Samuel Rodríguez pechou a súa participación cunha sexta posición en clase 4, nunha experiencia moi valiosa para o seu crecemento deportivo.

Con estes resultados, o Club Tenis de Mesa Mos reafirma o seu traballo e compromiso co deporte adaptado, consolidándose como unha referencia nacional e demostrando o gran nivel dos seus deportistas nunha das competicións máis importantes do calendario.

Comparte este artigo