As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude do 27 ao 29 de novembro
O Concello do Rosal abre un prazo extraordinario de inscrición no campamento de Nadal municipal, un espazo con actividades lúdicas e educativas pensadas para dinamizar as vacacións escolares de nenos e nenas ao tempo que as familias rosaleiras dispoñen dun apoio esencial para conciliar a vida laboral e familiar.
As persoas interesadas en pedir praza poderán presentar do 27 ao 29 de novembro a súa solicitude por Rexistro de Entrada no propio Concello ou por Sede Electrónica xunto coa documentación necesaria: a autorización de recollida do ou da menor; un cuestionario de saúde e autonomía persoal; fotocopia do DNI do pai, nai, titor ou titora e do libro de familia; a fotocopia da tarxeta sanitaria do neno ou nena e unha vida laboral actualizada dos proxenitores, así como o certificado de recoñecemento de discapacidade da ou do participante, certificado de monoparentalidade ou título de familia numerosa en caso de darse algunha destas dúas circunstancias.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliña a importancia desta iniciativa, xa que “dende o Concello sabemos o importante que é ofrecer alternativas ás familias que lles permitan conciliar, ao mesmo tempo que nenos e nenas desfrutan dunha experiencia diferente coa que pasar parte do seu tempo libre durante as vacacións de Nadal”.
O campamento de Nadal desenvolverase nas instalacións do CPI Manuel Suárez Marquier os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro, en horario de 08.45 a 14.15 horas. A iniciativa está orientada a nenos e nenas matriculados en 4º, 5º ou 6º de educación infantil ou en educación primaria neste curso escolar, tanto empadroados e empadroadas no Rosal como non empadroados pero que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio.
A actividade terá un custo de 20 euros por participante e ofrecerá un total de 20 prazas, reservándose dúas para nenos e nenas que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía.