Mos reforza a prevención de incendios e a loita contra a vespa velutina con dúas charlas informativas

Redacción
Lectura mínima de 1

O Concello de Mos intensifica a súa campaña de sensibilización ambiental coa organización de dúas charlas informativas dirixidas á veciñanza, centradas na prevención de incendios forestais e no control da vespa velutina.

A primeira sesión celebrarase o 21 de abril, ás 20:00 horas, no Centro Social e Deportivo de Guizán, e abordará a limpeza obrigatoria de fincas. Durante a charla explicaranse as obrigas legais das persoas propietarias, as medidas básicas de mantemento dos terreos e a súa importancia na redución do risco de incendios no municipio.

A segunda cita terá lugar o 23 de abril, ás 19:00 horas, no local da comunidade de Montes de Pereiras, centrada na prevención e actuación fronte á vespa velutina. Neste encontro ofreceranse pautas para a detección de niños, recomendacións de actuación e información sobre o servizo municipal de reparto de trampas, que poderá solicitarse a través do teléfono 986 097 037.

Estas accións enmárcanse na campaña “CoidaMos”, coa que o Concello busca implicar activamente á cidadanía no coidado do entorno, na prevención de riscos e na protección do medio natural.

Comparte este artigo