· Unha vez máis, critica o deputado Celso Delgado, compróbase a “parca e decepcionante” resposta do Goberno de Sánchez, eludindo dar puntual explicacións ás moi concretas preguntas que se lle formularon os deputados populares lucenses e ourensáns, o que supón unha situación “preocupante e lamentable” sobre a vía que conecta Ourense e Lugo
Os deputados do PP de Ourense no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, de xeito conxunto cos deputados populares de Lugo, Francisco Conde, Jaime de Olano e Cristina Abades, rexistaron o pasado 26 de febreriro no Congreso unha batería de preguntas sobre o moi deficiente estado da estrada N-540, que se inicia en Lugo e finaliza na N-525 na localidade de Cambeo, no Concello ourensán de Coles:
¿Ante o deplorable estado que presenta a estrada N-540 ao seu paso polas provincias de Ourense e Lugo, procederá o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a adoptar medidas urxentes para, con todos os medios humanos e materiais necesarios, proceder á rehabilitación integral do firme e así garantir a seguridade viaria dos usuarios desta estrada?
¿Farase responsable o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible dos gastos de reparación dos danos que están a sufrir os vehículos que transitan pola N-540 e que teñen causa no pésimo estado esta estrada, infestada de fochas e fochancas?
¿Cal é a relación detallada das obras executadas deste contrato no tramo entre Lugo e Chantada, desde o seu inicio ata a data de resposta?
¿Cal é a relación detallada das obras executadas deste contrato no tramo entre Chantada e o límite da provincia de Ourense, desde o seu inicio ata a data de resposta?
¿Cal é a relación detallada das obras de conservación e mantemento executadas polo MITMA en 2025 na estrada N-540 no seu tramo da provincia de Ourense?
¿Que data compromete o Ministerio para que estean finalizadas a totalidade das obras de rehabilitación do firme na estrada N-540?
A resposta do Goberno chegou o 10 de abril e foi a seguinte: “Desde finais do mes de febreiro o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a traballar na reparación do firme da N-540” .
VALORACIÓN DOS DEPUTADOS OURENSÁNS E LUCENSES
Unha vez máis, atopámonos ante unha “parca e decepcionante” resposta do Goberno de Sánchez, eludindo dar puntual explicacións ás moi concretas preguntas que se lle formularon os deputados lucenses e ourensáns do PP.
Cómpre lembrar que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible iniciou a execución das obras de rehabilitación estrutural do firme da estrada N-540, entre os ppkk 0 ao 68,9, na provincia de Lugo, en abril de 2024.
Vinte e catro meses despois do inicio formal de obras, o MITMS “négase a dar información sobre a relación detallada das obras executadas deste contrato no tramo entre Lugo e Chantada, nin sobre as obras executadas do tramo entre Chantada e Cambeo na provincia de Ourense, desde o seu inicio ata a data de resposta” critica o deputado ourensán Celso Delgado.
Advirte ademais que tampouco compromete o Ministerio unha data para que estean finalizadas a totalidade das obras de rehabilitación do firme na estrada N-540, o que supón unha situación “preocupante e lamentable”.

