O Concello de Baiona elevou a pleno a Modificación Puntual número 1 do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
As modificacións puntuais do Plan Xeral permiten realizar axustes menores na normativa urbanística e mellorar as tramitacións, moi numerosas.
O pleno por unanimidade aprobou onte de forma provisional esta modificación. De forma definitiva farao a Xunta de Galicia tras un período de exposición pública de dous meses.
A modificación actúa sobre cinco cuestións concretas:
- A primeira delas, a aliñación adecuada nos estudos de detalle de chan urbano.
- Outro dos puntos afecta a modificación do inventario de camiños.
- Tamén afecta á modificación de artigos da normativa urbanística como o artigo 44 sobre a regulación da condición de soar residual; o art.136 sobre a adaptación da esixencia de aseos en establecementos de reducidas dimensións: Excepcionalidade nos locais de menos de 50 metros cadrados para que non teñan a obrigación de ter tres baños independentes, pero que conten cun que cumpra as condicións de accesibilidade. Esta medida terá especial efecto dentro do Casco Vello, xa que, afecta, principalmente, aos locais do Casco Antigo. O artigo 188: modificación das condicións de uso de espazos libres e zonas verdes.
- O punto número catro fai referencia á corrección dun erro material na documentación gráfica que afecta a dúas parcelas: a rúa Areas e a Avenida Sabarís.
- O último punto correspóndese coa actualización da rede viaria principal.
Respecto a iso, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou que “ O cambio do plan é para adaptarse ao novo chan urbano e que os cambios contemplados son de especial importancia para a xestión do urbanismo e mellorar a tramitación para os veciños”.

