O concello de Baiona entrega a Carabela de Ouro a Ezquiel Simóns González

Redacción

Na tarde do venres, o Concello de Baiona fixo entrega da Carabela de Oro a Ezequiel Adolfo Símons González, concedida pola Comisión de Honras e Distincións.

Desde o Concello quíxose render homenaxe ao empresario da hostalería polo seu impulso ao tecido económico local e polo seu labor institucional.

O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu un acto cargado de emoción e significado para o municipio. A xornada estivo marcada polo recoñecemento ao traballo empresarial da familia Simóns ao longo de todos estes anos.

O acto contou coa presenza do alcalde de Baiona e outras autoridades municipais quen quixo acompañar ao homenaxeado hoxe por hoxe salientable, poñendo en valor o traballo realizado polo empresario local que contribuíu a construír a identidade de Baiona desde o ámbito empresarial deixando unha pegada indeleble na sociedade baionesa coas súas distintas achegas á vila. A entrega do distintivo simboliza o resultado de anos de dedicación á hostalería da familia Simóns.
Esta familia ten unha longa tradición vinculada á hostalería e a restauración en Baiona, non en balde hai máis de cen anos, o seu avó tamén Ezequiel, como o seu pai, o seu fillo e o seu neto, xa rexentaba unha casa de comidas e aloxamento onde hoxe se atopa o hotel Bayona en pleno centro histórico da vila. Entre esas paredes pasou a súa mocidade compaxinando os seus estudos de maxisterio e o traballo no negocio familiar que durante a tempada estival explotaban os seus pais Ezequiel e Veneranda, xunto ao seu irmán Juan, con quen sempre acababa facendo as quendas para atender á clientela dun incipiente sector turístico de mediados dos anos sesenta. Unha vez que os seus pais decidiron xubilarse, de forma estacional durante a tempada de verán, explotaba xunto coa súa esposa Pura Sánchez e o seu irmán Juan e a súa cuñada Albela o hotel Bayona.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, fíxolle entrega do distintivo e comezou a súa intervención destacando que “Hoxe con este acto facemos efectiva a entrega de tal merecida distinción sendo conscientes de que representa o sentir de moitos veciños”
O mandatario no seu discurso destacou que: “Este recoñecemento reflicte o compromiso de Ezequiel Simóns ao longo de todo este tempo coa economía local e con Baiona. Ezequiel Simóns foi un pioneiro na creación de negocios e tivo un papel crave no impulso do tecido económico da vila así como tamén na política local”.

Desde o Concello destácase a importancia da creación de empresas e negocios para a economía local da vila reforzando o seu papel como elemento clave na vida do municipio. Tamén cabe destacar a creación de emprego por parte do empresario que deu traballo a moitas familias baionesas.
Pero a vinculación con Baiona de Ezequiel vai moito máis alá. Son moitas as razóns que a comisión municipal atopou para outorgarlle esta distinción, que se resumen nunha vida preocupada polo ben do seu pobo. Ao longo da súa vida sempre se implicou nunha gran cantidade de iniciativas da vila de carácter cultural e institucinal. O seu labor ao longo de todos estes anos de irmandamento cos Pobos Irmáns de Baiona representou un referente de compromiso, xenerosidade e lealdade institucional, contribuíndo de xeito decisivo ao fortalecemento dos lazos de amizade, fraternidade e cooperación entre municipios.
“A súa traxectoria, marcada por unha encomiable dedicación e por actuacións sempre desinteresadas, favoreceu o impulso de relacións turísticas, culturais e empresariais nas súas distintas etapas, primeiro como representante político local, despois como presidente de ACEBA e, máis tarde, como empresario da hostalería baionesa. Todo iso permitiu estreitar e consolidar os vínculos de unión entre os cidadáns dos nosos pobos irmanados especialmente con Palos de la Frontera e Santa Fe, cos que comparte un sólido e especial vínculo afectivo e familiar, alén de ser membro da Sociedade Palósfila Pinzoniana e ser recoñecido en 2025 coa Medalla de Oro de Palos de la Frontera pola súa desempeño e hospitalidade durante tantos anos” finalizou o rexedor.

Comparte este artigo