• Dende o consistorio anímase aos mozos e mozas a participar activamente neste proceso tras o que se decidirán os usos e actividades do novo espazo
• O Concello mercará o antigo local da Cámara Agraria, situado na rúa Pazos Fontenla e cunha superficie de arredor de 170 metros cadrados
O Concello de Bueu está a traballar nun proxecto para contar cunha Casa da Mocidade na vila, un espazo aberto á mocidade e que busca contar coa súa opinión. Para iso, dende a concellaría de cultura, mocidade e normalización lingüística, que dirixe Carmen García, se lanza unha enquisa na que a xuventude poderá trasladar as súas peticións.
A enquisa xa está dispoñible a través dun formulario en liña aberto a toda a mocidade bueuesa, e tamén se enviará aos centros educativos de secundaria co fin de chegar a máis público. Dende o consistorio anímase aos mozos e mozas a participar activamente neste proceso de escoita tras o que se deseñará o novo local.
A futura Casa da Mocidade situarase no antigo local da cámara agraria, situado na rúa Pazos Fontenla e que o Concello mercará á Xunta de Galicia. Trátase dun local cunha superficie bastante ampla, con preto de 170 metros cadrados, que se adecúa a estes usos en pleno casco urbano.
Neste sentido, Carmen García salienta que “en Bueu levamos moito tempo soñando cunha Casa da Mocidade, polo que esta é unha oportunidade para contar coa opinión dos máis novos e novas e planificar o seu deseño”. Coa enquisa búscase coñecer o tipo de actividades que debería haber neste espazo, así como os materiais (xogos ou equipamento tecnolóxico) que serían necesarios para o seu acondicionamento. Tamén se está pensando nos horarios de uso e nos hábitos da xente moza no tempo libre, e o obxectivo é ofrecer unha alternativa de lecer para unha mocidade activa e dinámica.
A decisión de mercar este local xa leva moito tempo enriba da mesa do goberno local pero comezou a materializarse a raíz da reunión que o alcalde mantivo a finais do pasado ano en Santiago co Director Xeral de Simplificación Administrativa e de Patrimonio da Consellería de Facenda. Aínda que se buscaba unha cesión gratuíta, finalmente non poderá ser posible debido a razóns de carácter legal, pero si se conseguirá a un prezo asequible para o Concello, algo máis de 50.000 €.