O concello de Caldas asesorou a máis dun cento de veciños e veciñas sobre o estudo da Variante Oeste

adminON
Lectura mínima de 5

O alcalde, Jacobo Pérez, confirma que a Administración local tamén presentará as súas propostas e lembra que o Goberno local elaborou un modelo de alegación estándar para facilitar e axilizar a tramitación ás persoas afectadas interesadas en realizar as súas achegas á actuación impulsada polo Ministerio de Transportes e de Mobilidade Sostible

Pérez Gulín lamenta “o xiro político e partidista” do Partido Popular, despois de que os tres grupos da Corporación se amosasen de acordo en que esta proposta é a que menos impacto supón para o municipio

O Concello de Caldas de Reis prestou asesoramento a máis de 100 veciños e veciñas interesadas en presentar alegacións contra estudo previo do ramal que conectará as estradas N-550 e N640, coñecida coma Variante Oeste, e que está deseñada polo Ministerio de Transportes e de Mobilidade Sostible, co obxectivo de reducir de xeito drástico o volumen de circulación de vehículos que atravesa o núcleo da vila termal, especialmente no que se refire ao tráfico pesado.

O alcalde, Jacobo Pérez, explicou que nas últimas semanas “fomos recibindo a un gran número de persoas afectadas pola actuación ou que estaban interesadas en coñecer en detalle o proxecto e en todo momento lle achegamos todas as facilidades”. Neste sentido, o rexedor caldense sinalou que desde o Concello se redactou un modelo de alegacións estándar, para “facilitar e axilizar a tramitación” á veciñanza. Pérez Gulín defendeu e incidiu na transparencia e no interese do Goberno local á hora de prestar este servizo á cidadanía e agradeceu tanto o interese das persoas que se achegaron estes días ao Consistorio como o traballo realizado polos técnicos municipais para resolver as dúbidas prantexadas. O alcalde deixou claro que “desde o Concello actuamos desde o primeiro momento con total transparencia e estando sempre a disposición da veciñanza, tanto para facilitar a presentación de alegacións como para dar resposta a calquera dúbida que se puidese prantexar na consulta do estudo”.

Jacobo Pérez adiantou, ademais, que os técnicos municipais están a ultimar as alegacións que presentará o propio Concello, e que irán encamiñadas a solicitar que as obras non afecten a ningunha vivenda. Ademais, tamén se engadirán cuestións relacionadas coa Ponte da Ferrería e con Veigas de Almorzar. Os detalles deste documento que se remitirá ao Ministerio daranse a coñecer unha vez estea rematado. O alcalde recordou que a proposta actual “é a que menos impacto produce de todas as que se barallaron no seu momento e é a que conta coa mellor valoración por parte dos técnicos”.

Xiro político e partidista do Partido Popular
Jacobo Pérez lamentou o xiro político e partidista do Partido Popular con respecto ao estudo da Variante Oeste. Tal e como lembra o alcalde, na primeira reunión informativa que se fixo no Auditorio Municipal para abordar este asunto “as tres forzas políticas (PSOE, BNG e PP) estabamos dacordo en que esta era a mellor proposta. Por desgraza, unha vez máis o Partido Popular actúa seguindo fins electoralistas e da un xiro á súa postura inicial co único proposto de tratar de sacar rédito electoral”. Pérez Gulín tamén negou de xeito tallante que o Goberno local actuase con obscurantismo, como denuncian os ‘populares’.
“O feito de que desde o Concello se asesorase desde o primeiro momento a todas as veciñas e veciños que o solicitaron e se tramitase un modelo de alegacións deixa en evidencia esas afirmacións interesadas do voceiro do PP”, indicou, ao tempo que apuntou que “a veciñanza ten claro quen está a traballar co obxectivo de defender os intereses da cidadanía e quen o fai en función das siglas políticas”.

Por último, Jacobo Pérez amosou a súa confianza en que o estudo da Variante Oeste sexa unha realidade tendo en conta as propostas e melloras realizadas.
“Estamos a falar duna actuación que resulta chave para a seguridade viaria na vila e que suporá un antes e un despois para o noso municipio, poñendo solución á necesidade de habilitar un desvío que servirá especialmente para evitar que o tráfico pesado teña que adentrase no centro de Caldas de Reis”.

Comparte este artigo