O mandatario provincial, acompañado pola alcaldesa Leticia Santos e membros da corporación municipal, comproba o remate dunhas obras no lugar de San Lourenzo que reafirman o compromiso da Deputación co municipalismo e a modernización das infraestruturas viarias
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou o compromiso do organismo provincial coa mellora da seguridade viaria e a colaboración cos concellos nunha visita a Moaña para comprobar o remate das obras de acondicionamento dun camiño municipal na parroquia de Domaio, no que a Deputación investiu máis de 240.000 euros a través do programa +Provincia. “É unha obra que encaixa á perfección nos obxectivos que perseguimos desde a Deputación, que é a mellora das estradas, tanto as de titularidade provincial comas as municipais”, remarcou o dirixente nun encontro coa veciñanza deste viario que une as localidades de San Lourenzo e Carballido no que tamén estivo presente a alcaldesa Leticia Santos.
Os traballos, financiados ao 100 % pola Deputación a través da Liña 1 do plan +Provincia do ano 2024, consistiron na mellora da seguridade viaria a través da implantación de elementos redutores de velocidade, mellora da sinalización horizontal, reposición do pavimento e o ensanche de curvas perigosas. Neste punto, o presidente Luis López quixo recoñecer a implicación da veciñanza pola cesión dos seus terreos para poder facer realidade esta obra.
Unha obra que é froito da colaboración da Deputación con todos os concellos da provincia. “Esta obra representa os froitos da colaboración. A nosa función é a de axudar aos concellos pequenos e medianos e o facemos con achegas periódicas dun goberno que é o máis municipalista, o que máis fondos transfire aos concellos”, afirmou o presidente, quen lembrou que ao Concello de Moaña lle corresponde unha achega este ano de 2,2 millóns de euros a través de plans de cooperación como o +Provincia, Plan Extra e Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
Así mesmo, puntualizou o presidente Luis López que desde a Deputación están a traballar para aumentar o fluxo de recursos cara os concellos, que se podería conseguir se o Goberno central levanta as limitacións para o uso dos remanentes das administracións locais. “Queremos habilitalos para os concellos”, declarou López engadindo que “estamos facendo reivindicacións para que poidan abrir a man e utilizar eses recursos dos que os veciños van ser os principais beneficiarios”, rematou.