O concello de Caldas de Reis estuda ampliar o parque do maior cunha nova pista de petanca

Redacción

O alcalde, Jacobo Pérez, destaca que a actuación lévase a cabo dando resposta á petición de numerosos usuarios e usuarias e salienta a gran acollida desta área de lecer, que desde a súa inauguración en outubro de 2025 xa se consolidou como punto de encontro de referencia para as persoas maiores

As dependencias contan na actualidade con zona para o xogo da chave, elementos biosaudables, paneis informativos e mobiliario

O Concello de Caldas de Reis O Concello de Caldas Reis contempla a ampliación dos espazos de lecer no Parque do Maior, un área que, desde a súa inauguración hai algo máis dun ano, xa está plenamente consolidado como un punto de encontro de referencia para as persoas da terceira idade do municipio. O alcalde, Jacobo Pérez, confirmou que se está valorando a dotación dunha nova pista de petanca. O rexedor caldense destacou a gran cantidade de xente que, practicamente de xeito diario, se dá cita neste emprazamento para practicar este xogo. A posta en funcionamento deste espazo a maiores daría resposta a unha demanda realizada por numerosos usuarios e usuarias. Pérez Gulín explicou que a intención do Goberno local é levar a cabo a actuación nos vindeiros meses, de xeito que a pista poida estar operativa despois do inverno.

Cómpre lembrar que o Parque do Maior ten actualmente unha extensión que se aproxima aos 1.000 metros cadrados, nun emprazamento situado entre os ríos Umia e o Bermaña. As instalacións contan, ademais de zona para xogar á petanca, cun espazo específico para o xogo da chave. A maiores, instaláronse diferentes elementos biosaudables, para a realización distintos exercicios de mantemento, e que contan cos correspondentes paneis informativos sobre o seu uso.

A zona tamén inclúe diverso mobiliario, composto por asentos e mesas de pedra, respectando en todo momento o espazo da contorna.

Dotouse ao parque dunha fonte de auga potable, que conta con dous grifos, un para persoas e outro para mascotas.

O investimento para a construción do Parque do Maior ascendeu a máis de 36.000 euros, un proxecto que veu a confirmar a prioridade do Goberno local á hora de garantir unha boa calidade de vida para as persoas da terceira idade de Caldas de Reis. Jacobo Pérez incide na importancia de que o parque da terceira idade se emprace nun lugar tan emblemático como é A Tafona, onde tamén se habilitaron pistas deportivas para a mocidade, o que consolida a este emprazamento como “punto de encontro interxeracional”.

Comparte este artigo