– As actuacións na Estrada da Aldea e no Camiño da Capela forman parte do Plan de Investimentos en camiños municipais, que ascende a un total de 2,75 millóns de euros. O plan contempla un investimento total de 257.000 euros no Viso, incluíndo a reforma e mellora doutras cinco vías da parroquia.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que as intervencións poñen en valor o rural e garanten a seguridade viaria tanto de vehículos como de peóns. Todas as obras do plan municipal foron propostas nos consellos parroquiais e aprobadas por unanimidade polos representantes dos colectivos veciñais.
O Concello de Redondela deu por rematadas as obras de pavimentación e mellora en dúas vías do barrio de Soutoxuste: o Camiño da Capela e a Estrada da Aldea. Estas intervencións supuxeron un investimento conxunto de 59.046 euros, dos cales 34.020euros destináronse á Estrada da Aldea e 25.026euros ao Camiño da Capela. Ambos proxectos pertencen ao Plan de Investimentos nos camiños municipais, dotado cun orzamento de 2.759.339,46 euros. No caso concreto do Viso, o investimento total ascende a 257.000 euros, xa que ademais destas dúas intervencións en Soutoxuste, vanse reformar tamén os camiños da Gándara, Lagüiña, Camiño do Eido de Mouriño, Estrada da Nogueira, Camiño da Fresa e Pelourenza.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo remate duns traballos “moi agardados e necesarios para o día a día do barrio de Soutoxuste”. A rexedora subliñou o compromiso do Goberno local coas parroquias: “Con este plan integral non só arranxamos estradas, senón que melloramos a calidade de vida dos veciños e veciñas, avanzando cara un equilibrio territorial real”.
O concelleiro de Infraestruturas e Sustentabilidade, Roberto Villar, explicou que os traballos permitiron a renovación total do firme asfáltico, a limpeza de marxes e adecuación da contorna para evitar o deterioro das vías. Villar lembra que todas as reformas de camiños incluídas no Plan de Investimento Municipal foron propostas nos Consellos Parroquiais “atendendo as prioridades manifestadas pola veciñanza”. Todos os proxectos foron aprobados por unanimidade polos representantes dos colectivos veciñais.
As obras incluídas no Plan de Investimentos continuarán a súa execución de xeito progresivo durante os vindeiros meses nas restantes parroquias do municipio, priorizando aqueles camiños que requiren unha intervención técnica urxente para emendar fendas e mellorar a seguridade viaria.

