O alcalde, Jacobo Pérez, explica que o Goberno local impulsou un contrato temporal para que nestes días xa se vaia avanzando nestas actuacións, comezando pola contorna da igrexa e do asilo
O contrato, prorrogable ata un máximo de catro anos, garante a realización destes traballos para que “Caldas luza como merece”
O Concello de Caldas de Reis está a piques de culminar os trámites para a licitación dos traballos de mantemento de parques, xardíns e zonas verdes no casco urbano. O contrato contará cun orzamento que ascende a 50.000 euros. O prazo de presentación de ofertas finalizou esta mesma semana e son catro as entidades interesadas en asumir a actuación, que será axudicada nos vindeiros días. Tal e como sinala o alcalde, Jacobo Pérez, este é un contrato prorrogable ata un máximo de catro anos, no que o Goberno local leva xa traballando meses, pero que non se puido rematar antes por cuestións administrativas. “O noso obxectivo é que Caldas luza como merece e iso é algo que queda garantido grazas a este contrato”, enfatizou.
Co obxectivo de axilizar estas tarefas o máximo posible, o Concello promoveu un contrato temporal para ir avanzando na posta a punto destes espazos. “Deste xeito, conseguimos que Caldas de Reis estea nas mellores condicións en pleno verán”, explicou o rexedor, que precisamente este xoves estivo pasando revista ás primeiras actuacións, que se levaron a cabo nas inmediacións da igrexa e diante do asilo. Os traballos céntranse na limpeza nas zonas de céspede e flores e espazos verdes, ademais da prantación de especies típicas desta tempada.
Con respecto ao rego, o Concello está realizando esta tarefa en colaboración con Protección Civil e persoal municipal. “Non utilizamos o rego convencional por unha cuestión de responsabilidade. Atopámonos en pleno verán e a nosa prioridade é o subministro a vivendas”, afirmou o alcalde.
En canto á licitación, Jacobo Pérez lembrou que garantir o mantemento destas áreas era un dos obxectivos marcados na folla de ruta do Goberno local. Cómpre lembrar que o Concello de Caldas de Reis tamén fixo un investimento de 90.000 euros para licitar a limpeza e mantemento de cunetas e pistas no rural, incrementando o orzamento con respecto a exercicios anteriores. Precisamente, antes do comezo da tempada estival procedeuse a realizar unha segunda quenda de traballos nas vías de todas as parroquias. Con respecto ás áreas verdes, o alcalde salientou que “moitos destes espazos son puntos de encontro e lugares de referencia do noso municipio, polo que para nós é unha prioridade garantir o seu mellor estado”.