Asegura que a instalación está obsoleta con continuas incidencias que provocan que moitas poboacións, de xeito reiterado, se queden ailladas desde un punto de vista das comunicacións telefónicas e internet.
O Concello de Campo Lameiro enviou un novo escrito a responsables de Movistar para expresar a súa enérxica protesta polo trato inadecuado que a compañía está dedicándolle aos seus abonados neste municipio sometidos a reiteradas avarías cuxa resolución se prolongan excesivamente no tempo e moitas veñen derivadas dun tendido vello e obsoleto soportado por postes de madeira que rachan de xeito continuo provocando que moitas poboacións do municipio se queden sen servizo tanto de telefonía como de internet.
O alcalde Carlos Costa manifestou tamén aos responsables para esta zona da compañía Movistar a súa total disconformidade en como estaban acometendo este problema, que sufren de xeito reiterado e recurrente os teléfonos fixos en numerosas zonas do municipio que impiden aos veciños e veciñas, moitos deles anciáns que viven sos, poder comunicarse a través deste servizo dun xeito normal, incluso con imposibilidades de facer consultas ou solicitar axuda ao propio Concello, ao Centro de Saúde, etc.
Carlos Costa instou aos responsables de Movistar a substituir de inmediato os postes e o tendido telefónico responsables da maioría das incidencias e avarías no servizo e que se producen de xeito habitual con temporal ou con meras rachas de vento que provocan que os vellos e obsoletos postes de madeira partan ocasionando que a liña caia.
O alcalde considera que o nivel de comprensión e paciencia dos usuarios de Movistar xa acadou os límites admisibles e prega que se faga un esforzo definitivo para subsanar o problema canto antes.