O concello de Cuntis tramita o novo convenio para continuar consolidando os servizos da oficina de Orientación Laboral

adminON
Lectura mínima de 3

• O alcalde, Manuel Campos, adianta que o devandito convenio a asinar co Concello de Caldas de Reis será levado ao Pleno extraordinario do vindeiro mércores

• Na sesión tamén se abordará unha proposta de Alcaldía para acadar fondos que permitan continuar coa dotación de luminarias ‘led’ no casco urbano e no campo de fútbol

O Concello de Cuntis celebrará a vindeira semana un Pleno extraordinario para tratar diversos asuntos de importancia. Un deles ten que ver coa aprobación do convenio de colaboración co Concello de Caldas de Reis para a realización de actividades de Orientación Laboral, ademais da solicitude dunha subvención para continuar coa prestación deste servizo. Cómpre lembrar que a vila cuntiense conta co devandito servizo desde o ano 2009 e as súas dependencias atópanse no Centro Ocupacional, situado no polígono industral da Ran.

Este axunto foi abordado e aprobado na Comisión de Contas e Facenda celebrada esta mesma semana. O alcalde, Manuel Campos, incide na importancia de continuar con esta prestación activa, dada a súa importancia e os beneficios que brinda ás persoas que se atopan na búsqueda de emprego.

Asesoramento, información, deseño de itinerarios de inserción ou prosprección de empresas son algúns dos servizos que se ofrecen desde Orientación Laboral, tanto para a veciñanza de Cuntis como para a de Caldas de Reis.

Outro tema que tamén foi tratado na Comisión Informativa e que será levado á sesión plenaria extraordinaria do vindeiro 20 de marzo é unha proposta de alcaldía para a aprobación do convenio coa Deputación de Pontevedra para completar o proxecto de iluminación exterior sostible. Trátase dunha actuación que se financia con fondos europeos, a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). A través deste convenio, o Concello de Cuntis mantén a súa aposta polo uso de luminarias ‘led’, que conlevan un uso sostible desde o plano medioambiental e que tamén supón un importante aforro económico no que ao consumo se refire, mellorando, ademais, o servizo. O Goberno local xa realizou actuacións similares no seu día e, con esta achega, pretende dotar de novas luminarias ‘led’ varias rúas do casco urbano cuntiense, así como o campo de fútbol. “Unha vez poidamos completar estas obras, Cuntis xa contaría practicamente cun 100% de iluminación sostible”, sinala o alcalde.

Comparte este artigo