O Concello de Mos abre o prazo para solicitar as axudas municipais para material escolar e comedor

Redacción

O Concello de Mos abre mañá, día 2 de outubro, o prazo para solicitar as axudas municipais destinadas á adquisición de libros e material escolar e ao uso do servizo de comedor escolar para o curso 2026/2027. A convocatoria foi publicada no BOPPO hoxe 1 de outubro e as solicitudes poderán presentarse ata o 16 de outubro de 2026 no rexistro xeral ou sede electrónica do Concello.

A convocatoria conta cunha dotación máxima de 10.000 euros para libros e material escolar e de 30.000 euros para comedor escolar, distribuídos entre todo o curso escolar 2026/2027.

As axudas para libros e material escolar están destinadas ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Poderán solicitalas tanto as familias empadroadas en Mos, aínda que os seus fillos ou fillas estuden noutro concello, como as familias doutros municipios que teñan alumnado escolarizado nun centro educativo de Mos.

As contías máximas son de 40 euros para o primeiro ciclo de Infantil e de 80 euros para segundo ciclo de Infantil, Primaria e Secundaria, sendo compatibles con outras axudas para a mesma finalidade, pero en ningún caso será subvencionable un gasto xa cuberto por outra axuda.

No caso do comedor escolar, as axudas están dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de Infantil e Primaria escolarizado nos CEIPs públicos de Mos que dispoñan de comedor, sempre que non gocen da gratuidade do servizo. A axuda será de 2 euros por menú e día de asistencia, logo da correspondente xustificación.

Para acceder ás axudas teranse en conta os ingresos e o número de membros da unidade familiar. Os límites de ingresos anuais son de 16.800 euros para familias de dous membros, 25.200 euros para tres, 33.600 euros para catro e 42.000 euros para cinco ou máis membros.

As persoas interesadas poderán presentar unha única solicitude para  as dúas modalidades de axuda, acompañada da documentación correspondente. Para información e consultas, podese facer no departamento de Educación, no teléfono 986 339 404 e o correo electrónico educa@concellomos.es.

Prazo de solicitude: ata o 16 de outubro de 2026.

Comparte este artigo