Así o Concello de Salvaterra de Miño busca facilitar e axilizar a comunicación coa veciñanza e ofrecer información de interese dunha maneira rápida, directa e accesible.
A través desta nova canle, as veciñas e veciños poderán recibir directamente no seu teléfono móbil avisos urxentes, alertas e incidencias, información de interese municipal e comunicacións importantes relacionadas coa actividade e cos servizos do Concello.
A Canle de WhatsApp nace como unha nova vía de comunicación que permitirá ao Concello trasladar información de maneira inmediata, especialmente naquelas situacións nas que sexa necesario que a cidadanía estea informada con rapidez, como avisos por fenómenos meteorolóxicos, incidencias, cortes de tráfico ou de servizos, cambios ou actuacións que afecten ao municipio, así como outras situacións de interese público.
Ademais das comunicacións de carácter urxente, a canle servirá tamén para compartir actividades, eventos, campañas, programas municipais e outra información de interese para a veciñanza de Salvaterra de Miño.
“Con esta nova canle queremos estar aínda máis preto da veciñanza e facilitar que a información municipal chegue dunha maneira rápida e sinxela ás nosas veciñas e veciños”, sinalan dende o Concello.
A incorporación á canle é gratuíta e voluntaria. Para seguila, as veciñas e veciños deberán acceder á Canle de WhatsApp do Concello de Salvaterra de Miño e premer na opción
“Seguir”.
Unha vez subscritos, recibirán as novas actualizacións directamente en WhatsApp, sen necesidade de realizar ningún trámite adicional.
O Concello anima á veciñanza a seguir e compartir esta nova canle, contribuíndo así a que a información de interese chegue ao maior número posible de persoas do municipio.
Para incorporarse só hai que acceder a través deste enlace
https://whatsapp.com/channel/0029VbCDSoQBqbrGh47tWG3l

