Francisco Diéguez: ‘’Este pleno é un circo, pero o que fixo hoxe o PSOE é xa un chiste de mal gusto. Non se pode estar meses criticando a Jácome e, cando chega o momento decisivo, mirar para outro lado e permitir que aprobe os seus orzamentos”
Avante Ourense denuncia que a abstención do PSOE no pleno extraordinario celebrado este xoves permitiu a aprobación definitiva dos Orzamentos municipais de 2026, por importe de 128,6 millóns de euros, presentados polo goberno de Gonzalo Pérez Jácome.
Desde Avante Ourense consideramos especialmente grave esta decisión porque, tras meses de críticas á xestión do goberno municipal, cando chegou o momento de votar, o PSOE optou pola abstención e permitiu que as contas de Jácome saísen adiante.
“Este pleno é un circo, pero o que fixo hoxe o PSOE é xa un chiste de mal gusto. Non se pode estar meses criticando a Jácome e, cando chega o momento decisivo, mirar para outro lado e permitir que aprobe os seus orzamentos”, sinala Avante Ourense.
Durante o pleno, a portavoz socialista xustificou a abstención apelando á “responsabilidade coa cidade”. Desde Avante Ourense consideran que ese argumento non se corresponde coa decisión adoptada.
“Falan de responsabilidade coa cidade. Responsabilidade, pouca; vergoña, ningunha. Porque se realmente consideraban estes orzamentos prexudiciais para Ourense, a responsabilidade pasaba por votar en contra, non por facilitar a súa aprobación coa abstención”, sinala a formación.
A organización considera, ademais, que o acontecido hoxe volve poñer sobre a mesa unha cuestión política de fondo: quen está disposto a exercer unha oposición de esquerdas real no Concello de Ourense.
“Desde Avante Ourense levamos meses defendendo que Ourense necesita unha alternativa de esquerdas que non estea condicionada por siglas, intereses partidistas nin egos. Se no Concello non existe hoxe unha resposta política clara a determinadas decisións, teremos que preguntarnos seriamente que papel quere xogar Avante Ourense de cara ao futuro”, afirma o coordinador de Avante Ourense.
O coordinador anuncia que abordará cos órganos e coa militancia de Avante a necesidade de valorar a concorrencia ás próximas eleccións municipais, dentro do proceso de debate interno que a organización ten previsto desenvolver.
“Avante naceu para facer política desde Ourense e para Ourense. Se finalmente decidimos dar o paso electoral, será para ofrecer unha alternativa propia, de esquerdas e centrada nos problemas reais da cidade. Esa decisión non a tomará unha persoa nin se decidirá nun despacho: terá que ser debatida e aprobada por Avante”, conclúe Diéguez

