A xuntanza serviu tamén para preparar a próxima edición do Queda en Mos III
O Concello de Mos mantivo unha reunión co tecido comercial e hostaleiro do municipio para presentar iniciativas destinadas a reforzar a visibilidade, a colaboración e a competitividade do comercio de proximidade. No encontro participaron representantes da Asociación de Comercio e Servizos de Mos (ACESMOS), da Asociación de Hostalaría Bares Mos e a concelleira de Emprego, Mobilidade, Educación, Mocidade e Participación Cidadá, Julia Loureiro.
Durante a xuntanza, presentouse o proxecto MOVE, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra á que se pode acceder a través da web move.gal, que ten como obxectivo crear unha rede provincial de comercio local e hostalaría. A través desta plataforma, os establecementos poden conectarse entre si, compartir experiencias, mellorar a súa presenza dixital e participar en accións de formación e promoción conxunta. MOVE pretende impulsar a modernización e a sustentabilidade do comercio de proximidade, fomentar o consumo responsable e de quilómetro cero, e fortalecer os lazos entre comercios, hostalaría e produtores locais. O Concello de Mos valora de xeito positivo a súa adhesión a esta rede para que os negocios do municipio poidan beneficiarse das ferramentas e oportunidades que ofrece.
Queda en Mos III
Ademais, a reunión serviu para organizar a celebración do Queda en Mos III, que terá lugar os días 6 e 7 de decembro, no Pazo de Mos, de 12 da mañá a 8 da tarde. Nesta edición contarase cuns 30 stands participantes e haberá tamén actuacións musicais e actividades para nenos, converténdose novamente nun punto de encontro e dinamización económica e social do municipio.
A concelleira Julia Loureiro destacou que “estas accións combinan o apoio institucional co impulso do propio sector, nun momento clave para seguir fortalecendo o noso comercio local, que é sinónimo de proximidade, confianza e calidade”.
O Concello de Mos anima a todos os comerciantes, hostaleiros e profesionais dos servizos a sumarse á rede MOVE e participar no Queda en Mos III, co obxectivo común de seguir facendo de Mos un municipio dinámico, vivo e comprometido co seu tecido económico local.



