O Concello de Mos inicia un plan de mellora integral dos parques infantís

Redacción

O Concello de Mos vén de poñer en marcha un plan de mellora integral dos parques infantís do municipio co obxectivo de renovar estes espazos de lecer, incrementar a súa seguridade e ofrecer unhas instalacións en mellores condicións para as familias.

As actuacións xa comezaron no parque de Sanguiñeda, onde se está a executar unha intervención de acondicionamento que inclúe a reparación e posta a punto dos elementos de xogo, a renovación do caucho o lavado e limpeza integral das estruturas infantís, o mantemento e renovación dos bancos, a limpeza das pozas existentes no recinto, a reposición e plantación de especies vexetais, así como a renovación da iluminación do parque.

Neste último apartado, o Concello de Mos instalou novas farolas solares autosostibles, unha solución eficiente e respectuosa co medio ambiente que mellora a iluminación do recinto sen necesidade de conexión á rede eléctrica.

As novas luminarias funcionan exclusivamente mediante enerxía solar e incorporan tecnoloxía LED de 24 W, panel solar de 50 W e baterías de litio-ferrofosfato (LiFePO4), capaces de ofrecer ata cinco noites de autonomía cunha carga completa. Ademais, dispoñen de sensor de movemento, control remoto e sistema automático de acendido e apagado, adaptando a intensidade luminosa ás necesidades reais de uso e optimizando o consumo enerxético.

Fabricadas en aliaxe de aluminio de alta resistencia á corrosión e cun grao de protección IP65 fronte ás inclemencias meteorolóxicas, estas luminarias destacan pola súa durabilidade e por non requiriren labores de mantemento. As baterías LiFePO4, pola súa banda, presentan unha maior vida útil e un menor impacto ambiental ao non conter materiais tóxicos nin risco de contaminación por fugas.

Esta primeira fase das actuacións estará concluída ao longo desta primeira quincena de xullo. Unha vez rematada, os traballos continuarán noutros parques do municipio, concretamente nos de Dornelas, Cotanexo, Agueiro e San Rafael, seguindo a mesma liña de mellora e renovación.

Con este plan, o Concello de Mos continúa avanzando na conservación e modernización dos espazos públicos destinados ao lecer infantil, apostando por instalacións máis seguras, accesibles, sostibles e adaptadas ás necesidades da veciñanza.

Comparte este artigo