Os protagonistas desta nova edición, que terá lugar desde as 19.00 horas e de xeito gratuíto, serán ‘Coro Covacanta e Los del Barro’, ‘Netta Rufina’ e ‘Homenaje a Buena Vista Social Club’ na primeira xornada; e a Escola de Música de Paredes de Coura, The Blow Up´s e Smile na segunda. Desde a medianoite o Malabar-Pénjamo acolle sesión DJ
O Nigranbus realizará novamente gratis un percorrido circular de 19:00 a 00:00 horas desde a primeira rotonda do SAU de Monteferro ao miradoiro, e viceversa. Será un festival inclusivo no que as persoas xordas poden solicitar as mochilas vibratorias.
O festival co mellor escenario natural do mundo, ‘Solpor Monteferro’, regresa o 3 e 4 de xullo para abrir ao grande a programación estival do Concello de Nigrán. Os protagonistas desta nova edición, que terá lugar a partir das 19.00 horas e con entrada de balde, serán ‘Coro Covacanta e Los del Barro’, ‘Netta Rufina’ e ‘Homenaje a Buena Vista Social Club’ na primeira xornada (venres); e a Escola de Música de Paredes de Coura, The Blow Up´s e Smile na segunda (sábado). Desde a medianoite o Malabar-Pénjamo de Patos acolle sesión DJ (Lemon Yak e Señora DJ respectivamente). Un ano máis, o Nigranbus realizará gratuítamente un percorrido circular de 19:00 a 00:00 horas desde a primeira rotonda do SAU de Monteferro ao Monumento á Mariña, e viceversa. Coma habitualmente, será inclusivo e disporá de mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail info@entresignos.com ou no whatsapp 690679675.
Tal como xurdíu en 2017, o obxectivo permanece inalterado: gozar ao aire libre nunha contorna privilexiada, no miradoiro de Monteferro, un escenario fronte ao Atlántico que regala vistas espectaculares. Neste enclave singular, diante das Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas do mar e da montaña, a fermosa caída do sol ofrecerá unha oportunidade máis para vivir experiencias musicais inesquecibles grazas á música en directo de bandas consolidadas e con fonda raigame no municipio. Esta décima edición de ‘Solpor Monteferro’ está organizada directamente polo Concello de Nigrán coa colaboración económica da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do ‘Plan + Provincia’ e o patrocina a marca nigranesa Cervezas Banda, con sede en Porto do Molle.
“A beleza da contorna de Monteferro ofrece cada ano unha experiencia musical marabillosa e un público moi diverso que é sempre fiel á cita. Esta é a mellor imaxe que podemos trasmitir de Nigrán”, considera o alcalde, Juan González.
VENRES 3 DE XULLO
‘CORO COVACANTA E LOS DEL BARRO‘
O coro ‘Covacanta’ naceu da actividade extraescolar do CPI Cova Terreira de Baiona durante o curso 2023/2024, cando a súa directora Nuria Zúñiga era a mestra de música de Educación Primaria. Neste centro contan cun coro xuvenil con longa traxectoria e ante tal afección polo canto, creouse un infantil, que debuta agora en Solpor xunto a banda local ‘Los del Barro’, con máis de 15 anos de traxectoria sobre os escenarios e coñecida por levar as versións de rock, pop e rumba a un terreo propio, próximo e cheo de enerxía.
NETTA RUFINA
Netta Rufina é unha destacada banda de rock alternativo, post-punk e hard rock orixinaria da escena nigranesa (anteriormente coñecida como The Mirror). Destacan polo seu son intenso e orgánico e veñen de sacar novo disco.
HOMENAJE A BUENA VISTA SOCIAL CLUB
Vibrante show que xorde co propósito de fortalecer e celebrar a rica herdanza musical cubana en Galicia. A agrupación que o defende, coñecida como ‘El Cuarto de Tula’, foi fundada a principios de 2024 por Reynier Aldana, vocalista e guitarrista cubano, e Walter Pelayo, percusión uruguaia. Esta inspírase na obra de lendaria orquestra cubana Buena Vista Social Club, que deixou unha pegada indeleble no mundo da música.
SÁBADO 4 DE XULLO
ESCOLA DE ROCK DE PAREDES DE COURA (PORTUGAL)
Activa desde 2014, a Escola do Rock de Paredes de Coura pretende proporcionar un ensino musical diversificado a mozos de distintos contextos, demarcandose do regulamentario e apostando polas metodoloxías alternativas aplicadas. Un ano máis, visitan Nigrán co obxectivo de servir de escenario ao seu alumnado.
THE BLOW UP`S
The Blow Up’s é un power trio de rock’n’roll orixinario de Vigo que captou a atención da escena musical local pola súa proposta fresca que recupera sons clásicos do rock dos anos 60 e 70. A pesar da súa recente formación en 2023, o grupo logrou establecer unha identidade musical sólida, evolucionando desde a súa EP debut ‘Nowhere Generation’ cara a sons máis maduros e colaboracións de alto nivel na escena nacional.
SMILE
Smile é unha banda española de indie rock orixinaria de Getxo (Vizcaya). Formada en 2007, a banda está composta por John Franks (voz e guitarra), Javi González (baixo), Félix Linares (batería) e Mikel Santos (guitarra). Desde os seus inicios, Smile destacou polo seu estilo fresco e as súas letras en inglés, aínda que recentemente comezaron a incorporar cancións en castelán. O seu primeiro álbum foi lanzado en 2007 e recibiu unha cálida acollida por parte da crítica. Ao longo da súa carreira, lanzaron varios discos e EPs, consolidándose como unha das bandas máis queridas do panorama indie español. En 2023, lanzaron o seu último álbum, Rayo Verde, o primeiro no que cantan exclusivamente en castelán, marcando un novo capítulo na súa traxectoria.

