O Concello de Nigrán cede durante o verán aos monitores saharauis en Galicia a vivenda municipal de Balinfra (Camos)

adminON
Lectura mínima de 5

Dous monitores saharauis que acompañan aos 245 cativos de ‘Vacacións en Paz’ en Galicia hospédanse nesta casa coas crianzas que non se adaptan a cadansúa familia acolledora. No mesmo recinto instalouse unha auténtica ‘jaima’ saharaui

O Concello de Nigrán achega cada ano 2.500 ao programa Vacacións en Paz e mantén a súa aposta pola cooperación internacional financiando o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados

O alcalde reitera a súa reclamación á Xunta para desafectar a outra casa de mestres ao seu carón e así poder empregala para un fin social

O Concello de Nigrán repite a súa cooperación co pobo saharaui cedendo durante o verán a vivenda municipal de Balinfra (Camos) aos monitores que acompañan aos 245 cativos do programa ‘Vacacións en Paz’ en Galicia. Así, desde finais de Xullo e ata inicios de Setembro, dous adultos procedentes dos campos de refuxiados saharauis en Alxeria hospédanse nesta casa coas crianzas que non se adaptan a cadansúa familia acolledora na comunidade galega. O Concello repite así a iniciativa do ano pasado dando ademais un paso a maiores: instalando no recinto de Balinfra unha auténtica jaima (especie de tenda saharaui tradicional) traída na viaxe do alcalde de Nigrán o ano pasado aos campamentos de refuxiados.

“O ano pasado a experiencia foi maravillosa, veciñanza e saharauis compartiron brinquedos, tempo de ocio e se axudaron en todo o que puideron. O Concello de Nigrán ten a sorte de dispor dunha vivenda municipal que durante o verán non emprega o CEE Juan María, así que non dubidamos en ofrecela para este fin porque a prioridade é darlle o máximo uso social”, explica o rexedor, Juan González, quen fai referencia ao programa de respiro familiar deste centro de educación especial.

O noso traballo dos monitores consiste en atender aos pequenos saharauis de entre 8 e 9 anos que non se adaptan ás familias acolledoras, neste casaconviven uns días antes de tomar a decisión de se deben regresar aos campamentos ou reintentar unha nova acollida dentro deste programa ‘Vacacións en Paz’ que en Galicia xestiona a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e ao que Nigrán achega cada ano 2.500 €.

“O intercambio cultural resulta moi enriquecedor, o barrio está atento a calquera necesidade que teñen para botar unha man. A súa presencia aquí contribúe a achegarnos máis entre os pobos e desmontar calquera tipo de prexuízo, non podemos estar máis contentos de acollelos”, explica González, quen reitera a súa reclamación á Xunta para desafectar a outra casa de mestres ao seu carón (está concedida desde hai máis dunha década a unha docente que non reside aí). Adicionalmente, o Concello mantén a súa aposta pola cooperación internacional financiando proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis en Arxelia, concretamente na wilaya de Bojador, con 16.500 habitantes.

“O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sáhara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou no 2022 no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui.

Balinfra

No recinto de Balinfra o Concello de Nigrán dispón desde 2015 das antigas escolas infantís asociadas as dúas casas (empregadas por diferentes asociacións) e desde 2017 dunha destas dúas vivendas, restando só a desafección educativa da segunda en cuestión, reclamada por Concello e veciñanza reiteradamente. A edificación completa foi construída hai máis dun século para fogar dos profesores de Camos é consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas vivendas pareadas (números 43 e 45). Cada unha conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela municipal de 2.789 metros cadrados acondicionada como parque infantil.

Comparte este artigo