O Concello, que asume por vez primeira toda a organización da proba, contará con 678 inscritos, o dobre de inscritos que o ano pasado
O Concello de Nigrán organiza este sábado 23 de agosto a XIV edición da ‘Nigrán Area’ con record de participación. Así, a carreira popular de atletismo pola ribeira da praia de Panxón e Praia América, unha das cita deportivas máis emblemáticas do verán, conta con 678 inscritos, o dobre que o ano anterior. A entrega de dorsais realízase desde este venres no Decathlon de Nasas de 17:00 a 20:00 horas ou o mesmo día da proba desde as 9:00 horas e ata media hora antes da saída.
O evento, organizado por vez primeira polo Concello en solitario, arranca ás 11:00 horas na categoría absoluta (5 km) e está aberto a tódalas categorías, tendo saída desde Panxón. Os sub-16 percorrerán 2 km, o sub-14 farán 1500 m, os sub-12 un km, os sub-10 percorrerán 500 metros, os sub-8 farán 300 metros e os máis pequenos farán 100 metros. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo.
“Trátase dunha carreira única pola contorna natural do litoral nigranés aproveitando a marea baixa, e que pretende fomentar o deporte, o respecto polo medio e a convivencia veciñal”, explica Juan González, alcalde do Concello de Nigrán, administración que asume a totalidade da organización. A ‘Nigran Area’ convoca a persoas corredoras de todas as idades, reunindo a máis de 3.000 persoas entre atletas, acompañantes e público.