Soledad García presentará o mércores as súas novas historias na Biblioteca Municipal, onde haberá un mercado solidario, e Raquel Queizás estará o venres presentando ‘Elas sempre contan’
O sábado terá lugar a xa tradicional feira do libro
O Concello de Nigrán celebra o ‘Día do libro’ promovendo a lectura a través de sendos contacontos adicados á infancia este mércores 23 e venres 25 de abril. O sábado 26 terá lugar a xa tradicional feira do libro, da que o Concello ofrecerá todos os detalles esta semana. Así, mañá mércores, no propio día de San Xurxo, terá lugar na Biblioteca Municipal un contacontos musical a cargo de Soledad García, autora de títulos como ‘Urco’ e os paseos literarios por Nigrán, Baiona e Gondomar. A escritora presentará ‘Unha historia diferente do parrulo feo’ e ‘Son Xena. Adóptasme?’, protagonizadas por un patiño e unha gatiña feral e destinados a crianzas de 3 a 7 anos. Paralelamente haberá un mercado solidario de libros a cargo do alumnado de 5º de Primaria do CEIP Humberto Juanes e a beneficio da súa viaxe escolar a Manchester, que son os organizadores do evento.
O venres 25 de abril Raquel Queizás presentará tamén na Biblioteca (18:00 horas) a través do programa ‘Ler conta moito’ de dinamización á lectura a súa peza ‘Elas sempre contan’, para crianzas a partir de 5 anos. Raquel Queizás é unha coñecida actriz, titiritera, filóloga, e sobre todo, contadora de historias. Ata hai non tanto, escribir, e publicar, eran privilexios reservados só aos homes. Por medo a ser rexeitadas ou a non ser tomadas en serio, moitas escritoras ao longo da historia víronse obrigadas a ocultar as súas verdadeiras identidades baixo un pseudónimo masculino. Elas sempre contan, escriben, pintan, imaxinan outros mundos. Son escritoras que loitan por construír un mundo mellor a través da palabra. É necesario facer visible o traballo das mulleres na literatura e combater a discriminación que sufriron ao longo da historia. Queizás contará historias das súas escritoras favoritas…

