A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Sara Cebreiro e Baldomero Lorenzo, acudiu esta mañá ao acto de homenaxe a Florentina Fernández, coñecida como Cataplina, na que fora a súa casa en Louredo, conducido por Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, e no que tamén interviñeron Ana Aller, presidenta da Comisión da Recuperación da Memoria de Mos, Úrsula Matilde, bisneta de Florentina Fernández, e o poeta Samuel Merino, que recitou tres poemas co acompañamento musical da Escola de Música de Torroso.
Florentina Fernández Alonso, natural de Saxamonde, mudouse a vivir na parroquia de Louredo despois de casar con Ángel Matilde Miguelez, nacido en Zamora. Ángel estivo fuxido e agochado nos montes de Mos durante todo o inverno do ano 1936. Ela foi detida por non delatar o lugar onde se agochaba e foi asasinada o 2 de xaneiro de 1937, sendo rexistrada a súa norte como “combate sostido coas forzas do exército”. O seu home morrera cando estaba agochado no soto da súa casa, que ardeu nos últimos días de decembro de 1936. Ao pé desa mesma casa descubriuse hoxe unha placa de bronce na súa honra, cunha flor doada por Luis Bugarín.
“Faltan moi poucos días para o 125 aniversario do nacemento de Ángel Matilde, e xa pasaron case 90 anos, dende que este matrimonio tivo un final tráxico”, precisou Helena Pousa, que en nome da Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Loriña, agradeceu “a boa disposición dos representantes do Concello de Mos cando lles presentamos a nosa proposta dun monumento a Florentina”. Pola súa banda, Ana Aller tamén tivo palabras de agradecemento “por axudarnos a cerrar feridas”. “Soamente se pecha unha ferida cando hai xustiza e cando hai perdón”, engadiu.
Úrsula Matilde foi a portavoz dos familiares de Florentina Fernández que acudiron a este acto: “Hoxe podemos cumprir o soño do meu avó Tomás: levarlle una rosa á memoria da súa nai, vítima inocente da inxustiza nos tempos da escuridade”. “Antes de que meu avó Tomás falecera díxolle á miña nai que lle gustaría poder levarlle unha rosa á súa nai. Por circunstancias non puido ser, pero hoxe podemos facelo. Esta rosa é un xesto de amor, de respecto e un tributo á súa memoria silenciada”.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, interviu visiblemente emocionada, “nun acto que merecía Florentina e toda a súa familia”. “Quero agradecerlle a Ana Aller o seu empeño en que estes recordos sigan vivos e llos contemos aos nosos fillos tamén. Está moi ben que lles expliquemos ás xeracións vindeiras o que sufriron os nosos antepasados”.
“Este lugar será emblemático a partir de hoxe. Xa o era, pero hoxe poñémoslle nome e apelidos, e poñémoslle esta rosa para Florentina, que é a rosa de Mos, o máis prezado que temos, e aquí quedará para sempre. Este acto quere honrar a memoria desta muller valente, Florentina Fernández, que morreu por defender aos seus, e tamén a de Ángel Matilde, para que nunca se apaguen os gritos dos silenciados”, rematou a rexedora municipal.