O concello de Nigrán inviste 63.000€ na infraestrutura e dotacións da Escola Municipal de Música de cara a ampliar alumnado e especialidades

adminON
Lectura mínima de 4

Os 90 alumnos de Guitarra, Violín, Piano e Linguaxe Musical estrearon este curso un edificio do Ceán renovado e adaptado de cara a ser escola de música oficial

Investíronse 8.000 € en instrumentos para as especialidades que se imparten actualmente e para outras novas no vindeiro curso

“Supón un salto en calidade importante porque o obxectivo vai máis alá de ser unha actividade cultural. Queremos dar a nosa veciñanza a posibilidade de formarse nun instrumento mediante unha escola pública para todos”, explica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán investíu este curso 55.000 € na mellora das instalacións da Escola Municipal de Música do Ceán (antiga biblioteca) e 8.000 € na súa dotación instrumental. O obxectivo é avanzar de cara a que a sede cumpra con todos os requirimentos que se esixen para ser declarada escola oficial de música por parte da Xunta de Galicia.

Así, os 90 alumnos matriculados actualmente na actividade de Guitarra, Violín, Piano e Linguaxe gozan este curso dunha sede propia totalmente renovada, na que se cambiaron todas as xanelas e a instalación eléctrica, realizouse aillamento acústico, novas divisións, adaptáronse os baños, etc. Ademáis, dotouse de dúas novas guitarras eléctricas, un piano dixital, unha batería, material de percusión, amplificadores, altavoces, micrófonos… “Todo un fondo de instrumentos que melloraron a calidade das clases e que nos permiten ir programando novas especialidades para o vindeiro curso”, explica o alcalde, Juan González, quen recorda que “ata o curso 2020/2021 o alumnado estaba dividido entre diferentes espazos municipáis”. “O obxectivo é ir ampliando nos sucesivos cursos instrumentos con máis profesorado, incorporar ‘Música e Movemento’ para crianzas e actividades de conxunto, requerimentos básicos para poder constituírse como Escola Municipal de Música homologada. Supón un salto en calidade importante porque o obxectivo vai máis alá de ser unha actividade cultural. Queremos dar a nosa veciñanza a posibilidade de formarse nun instrumento mediante unha escola pública para todos”, incide.

O Concello xa investira no ano 2020 un total de 9.500 € na compra dun piano de cola para poder incorporar este instrumento á oferta municipal e a maiores incluíu tamén ‘Linguaxe Musical’ para todo o alumnado.

“Cada vez hai máis persoas interesadas en formarse nun instrumento e desde o Concello consideramos que é unha obriga das administracións facilitar o acceso á música, tal e como xa se fai co deporte ou coas bibliotecas, por iso cremos nese proxecto”, explica González, quen incide en que nunha Escola Municipal se pode impartir ensinanza musical reglada e non profesional como xa se fai en outros municipios con gran éxito, “é algo máis que recibir clases, trátase dunha formación integral básica que axuda a desenvolver as capacidades creativas de cada quen e a súa sensibilidade”.

Así, as Escolas de Música cumpren unha valiosa función social, formativa e cultural e teñen un carácter esencialmente práctico desde idades moi temperás, podéndose adaptar ás posibilidades e recursos de cada municipio. “O certo é que estas escolas configúranse como centros formativos e de difusión cultural de gran calado e excelente acollida entre a poboación, así que temos claro que ese é o noso obxectivo”, conclúe.

Comparte este artigo