Multiplícase a contía un 700% desde 2021. O obxectivo é dar cobertura a todos os grandes dependentes actuais e aos que cursen de aquí a 5 anos, cando vencería o contrato
O prego de prescricións técnicas valora novamente máis a calidade que a oferta económica, polo que puntúan prestacións de mellora do servizo como fisioterapia, podoloxía, perruquería básica, limpezas ‘de choque’, cursos de formación para os coidadores e o persoal ou apoios técnicos como poden ser camas, grúas, asentos xiratorios…
“É totalmente prioritario na nosa política municipal, compatible con outros como ‘Xantar na Casa’, polo que resulta clave para que as persoas dependentes que o desexen poidan seguir vivindo nos seus domicilios ben atendidos e sen caer na exclusión social”, resalta o alcalde, Juan González, quen demanda máis implicación das demáis administracións
O Concello de Nigrán ven de sacar a contratación o ‘Servizo de Axuda no Fogar’ duplicando o investimento, que pasa dos 580.000 €/ano actuais a 1,3 millóns de euros/ano co obxectivo de dar cobertura a todos os grandes dependentes do municipio. Trátase dunha suba dun 700 % con respeto ao contrato que rexeu ata 2021 (165.000 €/ano) e dun 125 % con respeto ao actual. A licitación, cuxo prazo de presentación de ofertas está aberta ata o 20 de decembro, supón un aumento de 30.000 a 56.760 as horas ao ano e, polo tanto, permitirá eliminar a actual lista de agarda de 29 grandes dependentes (grado 3) e dar cobertura a todos os desta condición que poidan cursar nos vindeiros 5 anos (a duración será de 2 anos prorrogables a 3 ano a ano). O prezo da licitación pasa dun mínimo de 16,96€/hora a 22,38 €/hora (ambos sen IVA). Ao supor a contía un 10% máis dos recursos ordinarios do orzamento do Concello, a tramitación tivo que someterse anteriormente ao pleno.
“Por vez primeira na Historia do Concello de Nigrán ímos garantir a asistencia a todas aquelas persoas que precisan axuda para tarefas tan intrínsecas na súa rutina diaria como asearse, vestirse, alimentarse ou deitarse. Este é o ‘Nigrán para todos’ ao que sempre nos referimos”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que actualmente o servizo chega a 38 persoas dependentes. “O contrato arrancaría atendendo un 50% máis de beneficiarios e coa previsión orzamentaria suficiente para dar cobertura a todas as novas altas de grandes dependentes que xurdan durante a súa vixencia. Este servizo, totalmente prioritario na nosa política municipal, é compatible con outros como ‘Xantar na Casa’, polo que resulta clave para que as persoas que o desexen poidan seguir vivindo nos seus domicilios ben atendidos e sen caer na exclusión social”, resalta o alcalde, Juan González,quen demanda máis implicación das demáis administracións. “O envellecemento da poboación en Galicia é moi notorio e para moitos concellos asumir en boas condicións este servizo básico é unha ruina, en Nigrán temos recursos e o podemos facer, pero non é xusto que a Xunta non se implique”, considera.
Desde a Concellalía de Servizos Sociais apostaron por que se valorase máis na adxudicación a calidade do servizo (51 puntos) que a oferta económica da empresa (49 puntos). Así, puntúan prestacións de mellora no servizo como poden ser fisioterapia, podoloxía, perruquería básica, limpezas ‘de choque’ (especialmente importante nos casos que cursan con dióxene para poder empezar xa sen esta problemática), cursos de formación para os coidadores que complementen á axuda profesional e eviten o síndrome do ‘coidador queimado’ ou tamén cursos cara o persoal técnico. Ademais, valóranse tamén apoios técnicos como poden ser grúas, camas, asentos xiratorios de bañeira, cadeiras de ducha, bandexas de lavado de cabeza, colchóns antiescaras, pastilleiros…. “Collemos todas as melloras do anterior contrato, como que primase a calidade sobre o prezo, e introducimos novidades que, pola experiencia, sabemos que serán outro salto cualitativo”, resume González.
O Servizo de Axuda no Fogar está dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias (dependentes ou persoas maiores con déficits de autonomía) favorecendo a autonomía no seu domicilio mantendo as súas redes de relación familiar e social, retardando ou evitando a institucionalización ou exclusión social. Para elo, o usuario recibe axuda nas actividades da súa vida diaria (hixiene persoal, apoio en cambios posturais, supervisión do réxime alimenticio ou de medicación…), de acompañamento para consultas ou tratamentos ou xestións e de necesidades domésticas da vivenda (limpeza, compra ou preparación de alimentos, lavado de prendas…), de atención psicosocial e educativo .