O Concello de Nigrán obtén a declaración oficial’Ciudad Amiga de la Infancia’ por parte de UNICEF

adminON
Lectura mínima de 6

O municipio levaba traballando máis de cinco anos para acadar este recoñecemento que implica ter en conta as voces, necesidades e prioridades dos nenos e nenas a través das decisións políticas

A comunicación coincidíu coa celebración do Pleno Infantil, na que alumnado dos diferentes colexios da localidade expuxo as súas inquedanzas e suxerencias

“Estamos a construír un Nigrán onde cada neno e cada nena ou adolescente pode sentirse seguro, protexido e escoitado, e iso non nos pode enorgullecer máis, este é o ‘Nigrán para todos’ e amable que buscamos (…) e estamos moi agradecidos a Unicef por ternos guiado neste camiño” , resume o rexedor.

O Concello de Nigrán xa é oficialmente ‘Ciudad Amiga de la Infancia’ tras anos de intenso traballo. UNICEF España ven de comunicar oficialmente a distinción á localidade tras terse reunido en Madrid a ‘Secretaria Permanente de Ciudades Amigas de la Infancia’ para valorar as 29 novas candidaturas e as renovacións. Atrás quedan máis de cinco anos en pro deste recoñecemento que ten unha vixencia de 4 anos e que se concede de xeito bianual, sendo Nigrán, Viveiro e Burela os novos municipios galegos concedidos (xa figuraban Moaña, Moeche, Redondela, Teo e Tomiño) . En total, 20 novas entidades locais de toda España se suman ás 301 que xa tiñan esta distinción que outorga UNICEF España e que implica ter en conta dunha forma efectiva e medible as voces, necesidades e prioridades das crianzas a través das decisións políticas. O acto oficial de entrega do distintivo terá lugar no Ministerio de Dereitos Sociais Consumo e Axenda 2030 o vindeiro 10 de decembro.

“É un día feliz para Nigrán, diría que histórico. Foi un camiño longo e aquí está o resultado. Levamos anos traballando para cumprir con todos os obxectivo e seguiremos así, porque nada nos fai sentir máis orgullosos que o feito de que se nos considere un municipio que coida e protexe a súa infancia”, valora o alcalde, Juan González. De feito, a comunicación coincidíu coa celebración hoxe do Pleno Infantil de Nigrán, na que alumnado dos diferentes colexios da localidade expuxo as súas inquedanzas e suxerencias ante o propio rexedor e a concelleira de Educación, centrándose no dereito á participación.

“O selo non se consegue nun día. Levamos anos de traballo para cumplir con todos os requerimentos esixidos e isto quere dicir que superamos o exame, agora trátase de continuar avanzando nese sentido e, conseguintemente, seguir renovándoo cada 4 anos”, explica González, quen insiste en que o selo ‘CAI’ se outorga a aquelas entidades que superan un duro proceso de avaliación. Así, a Concellería de Educación, a cargo de Estela Pérez, ven implementando o ‘Plan Local de Infancia e Adolescencia’ e, xa no anterior mandato, con Marina Vidal ao fronte, creouse o Consello de Participación Infantil e Xuvenil (bautizado como ‘Xeración xa!’). De feito, para poder optar ao selo é imprescindible a existencia dun órgano de participación infantil onde os nenos e nenas expresen as súas propostas e opinións aos responsables municipais, unha mesa de traballo para a coordinación interna da política local de infancia, accións a favor da infancia, informes de súa situación, plans de infancia a 3-4 anos vista… Unha serie de accións que o Concello de Nigrán ten realizado e que agora UNICEF recoñece subliñando tamén iniciativas non tan comúns como o grupo de traballo ‘Un Nigrán para tod@s‘ que o goberno local creou no 2015 para mellorar a vida das persoas con diferentes tipos de diversidade.

“Estamos a construír un Nigrán onde cada nenos e cada nena ou adolescente pode sentirse seguro, protexido e escoitado, e iso non nos pode enorgullecer máis, este é o ‘Nigrán para todos’ e amable que buscamos, un lugar onde todos nos intamos orgullosos de vivir, e estamos moi agradecidos a Unicef por ternos guiado neste camiño para facer real a participación da infancia na toda de decisións” , resume o rexedor.

Sobre Cidades Amigas de la Infancia

A Iniciativa ‘Ciudades Amigas de la Infancia’ ten como obxectivo promover, xunto coas Entidades Locais, que o benestar da infancia e a participación infantil e adolescente estean no corazón das políticas locais, coa finalidade de que os nenos, nenas e adolescentes poidan exercer os seus dereitos e alcanzar o seu pleno desenvolvemento. Esta é unha iniciativa liderada por UNICEF España desde o ano 2002 en alianza co Ministerio de Mocidade a Infancia (a través dun convenio asinado en 2004 co entón Ministerio de Sanidade e Consumo), a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de “Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia”.

Comparte este artigo