O municipio gañou este ano un camping de autocaravanas na rúa Otero Pedrayo e actualmente o Pazo de Cea está a construír cabanas elevadas
“É unha moi boa nova para Nigrán porque estamos a gañar en prazas hoteleiras nunha modalidade de turismo de calidade, sostible e moi respetuoso coa contorna”, considera o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán ven de aprobar a licencia para a construción dun campamento turístico na zona de A Telleira-Ceán-Lagoíña, nunha parcela de 12.785 m² situada entre os camiños Volta do Médico e Rectoral, na propia parroquia de Nigrán. Esta instalación bautizada como ‘Glamping Lagoíña’ constará de tendas de acampada tipo glamping, casetas de recepción, servizos de almacén e aseos e catro cabanas en módulos prefabricados con zapatas puntuais. En total, terá unha capacidade máxima de 215 persoas.
O obxectivo do novo glamping é formar unha simbiose coa súa contorna respectando a paisaxe forestal existente, incluso potenciándoa, e concentrando as edificacións estables de servizo na zona de acceso, máis próxima ao núcleo rural onde hai outras vivendas e está a propia estrada de acceso (igualmente, estas infraestruturas serán realizadas completamente en fachada de madeira e a superficie total que ocupen non superará os 440 m² nin os 2,90 m de altura).
Igualmente, o pasado mes de febreiro o Concello de Nigrán outorgou licencia a ‘Organiza Nigrán S.L.’ (sociedade que no 2011 restaurou e rehabilitou o Pazo de Cea para a organización de eventos) para a construción de 25 cabanas de madeira elevadas nun terreo de 1.639 m² ubicado ao carón de Camiño do Lavadoiro e Grolos. Concretamente, o proxecto consiste en habilitar un campamento de turismo de categoría 1 estrela, cunha zona de aparcamento, camiños peonís e peches vexetais nas lindes e cun investimento total de case 3 millóns de euros.
A maiores, o Concello de Nigrán estreou este verán o campamento de caravanas ‘Ledicia Camper Park’ en Otero Pedrayo con 131 plazas e instalaciones de primeiro nivel que inclúen piscina, parque infantil, parque canino, zona de barbacoa, sala de xogos, cafetería…
“É unha moi boa nova para Nigrán porque estamos a gañar en prazas hoteleiras nunha modalidade de turismo de calidade, sostible e moi respetuoso coa contorna, porque precisamente estas construcións o que buscan é a comunión máxima coa natureza e os seus clientes están nesa harmonía”, considera o alcalde, Juan González.

