Iniciaron a colecta entre amigos tras ler na prensa que o Concello construirá con 30.000 € o primeiro colexio da rexión remota de Pessangué a cargo do orzamento destinado a cooperación internacional
“Estamos orgullosos de ser referentes municipais en cooperación internacional e queremos achegar o 0,7% do noso orzamento a este fin”, sinala o alcalde, Juan González
A solidariedade internacional chamou hoxe ás portas do Concello de Nigrán da man dun grupo de empresarios de O Porriño. Estes reuníronse co alcalde, Juan González, para comunicarlle que farán una achega de 2.000 € ao Concello co fin de sumarse á iniciativa municipal de dotar dunha escola básica á rexión de Pessangue, na illa de Pecixe, en Guinea Bissau (África). Estas persoas, que declinan dar os seus nomes, iniciaron a colecta tras ler na prensa o ano pasado que o Concello de Nigrán destinará 30.000 € do seu orzamento municipal a este fin (o importe total do proxecto é de 45.787 €, aportando o restante o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade supramunicipal que preside o rexedor).
“Teño 10 netos, non podo ser máis sensible coa infancia, e son consciente da sorte que tiven na vida e do que podemos facer entre todos para mellorar a situación dos máis desfavorecidos, por iso iniciei a colecta dun xeito informal, cun peto, en comidas e xuntanzas con colegas do sector”, sinalou o promotor da iniciativa no encontro co alcalde. “Queremos rachar coa idea de que as axudas non chegan ao seu destino porque fai moito dano, os meus propios netos achegaron cartos e eu entregueilles un papel certificando o seu destino final, hai que sensibilizar á poboación ao respecto”, considera.
A comunidade de Pessangue, con mil habitantes, é a única que non dispón de escola de ensino básico unificado en toda a illa de Pecixe, recibindo formación as crianzas en chozas ou ben na propia rúa cunha pizarra. Por esta razón, os propios líderes locais consideran esta infraestrutura “unha necesidade imperiosa” para combater o desequilibrio entre as diferentes rexións e mesmo para rachar coa desigualdade de xénero (moitas nenas son obrigadas a deixar os seus estudos se estes implican longos desprazamentos andando para así previr situacións de abusos).
“O gran sabio desta localidade transmitíume a importancia de lograr a escola para que as crianzas teñan a oportunidade de formarse e non ter que emigrar sendo adultos e, por suposto, enseguida me comprometín a facelo”, explica Juan González, quen no pasado mes de maio visitou Pessangue para ver in-situ o investimento do Fondo Galego para dotar de auga á poboación (cunha achega de 11.000 € construíuse un pozo cun depósito de 4.000 litros conectado a unha motobomba que, alimentada por paneis solares, leva a auga ata varios grifos comunitarios). “Algo tan simple e cun investimento tan ridículo cambiou a vida en Pessangue, agora temos a oportunidade de dar un paso máis do que sentirnos orgullosos como municipio”, considera.
A solidariedade internacional do Concello de Nigrán mídese nunha porcentaxe totalmente única en Galicia e moi pouco común en toda España. Así, o 0,6% do orzamento municipal está destinado a cooperación ao desenvolvemento, achegándose así ao compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7%. En concreto e a maiores desta iniciativa, o Concello proporcionará 20.000 € para un proxecto de igualdade destinado ás crianzas do rural en Mozambique e 10.000 € para achegar o abastecemento de auga a unha aldea remota de Cabo Verde. En total, a localidade adicará 72.000 € este ano a diferentes iniciativas de axuda ao desenvolvemento, todo a través do Fondo Galego, entidade que o alcalde de Nigrán, Juan González, preside.
“Estamos orgullosos de ser referentes municipais en cooperación internacional e queremos achegar o 0,7% do noso orzamento a este fin, ogallá sirvamos de exemplo para outros porque todos xuntos si que podemos paliar as desigualdades no planeta”, sinala o rexedor, quen agradeceu o compromiso destes empresarios “comprometidos e con corazón”.

