A tenda ubicada no Centro Comercial Nasas fixo unha achega de máis de 400 pares para adulto e infantil desde a súa apertura no 2022
O Concello de Nigrán recibíu esta semana unha doazón de zapatos da tenda de calzado Merkal ubicada no Centro Comercial Nasas (Porto do Molle). Ademáis, o lote incluía paraugas infantís e bolsos. A tenda de Nigrán achegou un total de 185 pares entre os afectados pola DANA de Valencia (especialmente botas de auga e de inverno) e o Roupeiro Municipal de Nigrán, ubicado na rúa Paradellas, 26 (ao carón do IES Val Miñor), onde xa se depositou este calzado de tódalas tallas e modelos. Esta é a terceira dazón que fai Merkal ao Concello desde a súa apertura, sumando máis de 400 pares achegados.
“Estamos moi agradecidos a Merkal por ter sempre en conta o noso Roupeiro Municipal, lugar ao que acude xente de toda a comarca que o precisa por estar situación de vulnerabilidade. Hai que dicir tamén que é un sitio incríblemente ben xestionado por mulleres voluntarias, aquí a roupa previamente seleccionada e lavada está ordeada por seccións, tallas… é como entrar a un comercio, estamos moi orgullosos” incide González.
O Roupeiro Municipal depende dos Servizos Sociais do Concello de Nigrán e está xestionado por voluntariado, calquera persoa pode doar pero tamén recoller, trátase dunha entrega directa sen burocracia algunha, xa que o obxectivo paralelo é contribuír á sostibilidade medioambiental dándolle unha segunda vida á roupa. Abre mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 horas (este día mediante cita previa no 986383081).

