Incorpora ao programa a actuación da Banda de Música de Merza e a Orquesta Pontevedra na noite do día 1, festivo local. Mañá mércores 31 de xullo tocará o Grupo Bomba e Orquesta Solymar
O Concello de Nigrán suma á celebración de San Fiz, patrón do municipio, verbena na noite do xoves 1 de agosto a cargo da Escola de Música da Banda Artística de Merza (21:00 horas) e a Orquesta Pontevedra (22:00). Estas actuacións no Ceán engádense ás xa anunciadas: o mércores 31 de xullo a partir das 21:30 horas e ata as 03:00 horas Grupo Bomba e Orquestra Solymar e ao día seguinte, como é tradición, a Banda de Acordeóns Metropolitana abrirá o día festivo local cun breve concerto na Praza do Concello ás 11:00 horas para volver a tocar no Ceán trala Misa Maior e procesión, completándose o concerto coa presencia no torreiro do tradicional ‘pulpeiro’ e unha cantina con bebidas e comida.
A banda xuvenil artística de Merza (Concello de Viladecruces) realiza cada verán unha concentración dunha semana no CEE de Panxón, culminando sempre cun concerto que, nesta ocasión, será en San Fiz. Esta banda xuvenil está composta por 50 nenos de entre 8 e 18 anos e forma parte da que iniciou a súa andaina nos anos 70. Hoxe en día conta con numerosos galardóns no seu haber e está considerada como unha das mellores agrupacións de Galicia, participando en xiras por toda España e mesmo Venezuela ou Arxentina.
“Desde o Concello de Nigrán recuperamos hai xa 9 anos esta celebración popular encargándonos de organizala de xeito directo porque, ata ese momento, sendo San Fiz o patrón do municipio esa data pasaba desapercibida, mentras que nos consideramos que esta debe ser a gran verbena que sume a todas as parroquias”, considera o alcalde, Juan González.

