A Asociación de persoas con discapacidade Vontade lanza unha nova edición da súa campaña “Andamos coxos da linguaxe”, que pretende sensibilizar e concienciar sobre a importancia do emprego dunha linguaxe inclusiva para frear os obstáculos que limitan a participación das persoas con discapacidade na comunidade. Co obxectivo de lograr ampliar o máximo posible o alcance desta acción de sensibilización, o Concello de Oia, xunto co resto de municipios do Baixo Miño, colaborarán na difusión das diferentes accións que se irán levando a cabo nos vindeiros días.
O día 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade. Dende a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade poñen en marcha a terceira edición da campaña “Andamos coxos da linguaxe”, unha iniciativa que busca facer visible a forza e o impacto que ten a linguaxe na percepción social da discapacidade.
Esta campaña naceu no ano 2023 e parte da idea de que a linguaxe é unha ferramenta poderosa: pode abrir camiños ou levantar barreiras. Con frecuencia utilizamos frases, expresións ou termos que cremos inofensivos pero que poden ferir, reducir ou perpetuar prexuízos. “Andamos coxos da linguaxe” quere convidar á reflexión e á empatía, para que cada persoa tome conciencia do peso das palabras e da importancia de empregar unha linguaxe máis respectuosa, igualitaria e inclusiva.
Durante as últimas semanas, as persoas participantes na asociación realizaron varias sesións de traballo e diálogo para analizar o papel da linguaxe na súa vida cotiá. Desta reflexión común xurdiu a campaña deste ano, que encherá as rúas con carteis nos que se recollen expresións reais que a xente adoita dicir sobre as persoas con discapacidade. Cada un destes carteis incorpora un código QR que leva a vídeos testemuño, nos que as propias persoas con discapacidade comparten as súas experiencias, sentimentos e opinións sobre o uso da linguaxe, desmontando estereotipos e convidando á sociedade a cambiar a mirada e reflexionar sobre a importancia de mellorar a maneira de comunicarnos coas demais persoas.
Con esta acción a asociación pretende achegar a realidade da discapacidade á cidadanía, facendo visible que o cambio comeza nas pequenas cousas, tamén nas palabras que escollemos para comunicarnos. En cada un/unha de nós está a posibilidade de transformar a sociedade, poñendo un grao de area para construír un mundo máis inclusivo e respectuoso.
“A linguaxe segue a ser unha barreira, pero tamén pode ser unha ponte. Queremos que esta campaña sexa unha chamada a mirar, a escoitar e a falar con respecto”, explican desde a Asociación Vontade.
A exposición dos carteis estará visible nas rúas dos concellos do Baixo Miño así como nas redes sociais dende uns días antes do 3 de decembro, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.



