O Concello de Ponteareas continúa a traballar en favor da igualdade de xénero ao longo de todo o ano e vén de celebrar a segunda reunión de mulleres, un espazo de participación activa e diálogo construtivo que tivo lugar no salón de plenos.
A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, encabezou este encontro no que tamén participaron as profesionais do Programa de Emerxencia e Inclusión Social financiado polo Fondo Social Europeo (FSE), a axente de igualdade e o director do CIM. O obxectivo foi habilitar un espazo no que compartir preocupacións, experiencias e suxestións, fortalecendo a participación directa das mulleres no deseño das políticas públicas municipais.
Durante a reunión púxose en común o deseño das actividades para a celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, así como a planificación da campaña e a difusión de “Detecta e Actúa”, unha iniciativa que busca implicar a toda a cidadanía na detección e denuncia de casos de violencia de xénero, promovendo unha resposta colectiva e activa fronte a esta lacra social. Tamén se decidíu abrir a participación a todas as mulleres a través dun QR https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSesdRyEkY3CDJrUcP5d8BkXrOIsZNd_EfpOm66peY9aKRxwCA/viewform
Continuación dun proceso participativo iniciado en 2025
Esta sesión dá continuidade á reunión celebrada a finais de 2025, da que se desprenderon conclusións relevantes para comprender mellor a realidade das mulleres de Ponteareas e orientar futuras accións municipais.
Entre as principais reflexións destaca a centralidade da maternidade e do emprego na identidade feminina. O 57,1% das participantes sinalou a maternidade como factor determinante no seu proceso vital, o 52,4% o emprego e o 33,3% a formación. Estes datos evidencian que a conciliación, a estabilidade laboral e o acceso a empregos de calidade seguen a ser retos estruturais.
A saúde integral, prioridade absoluta
A saúde —especialmente a mental, sexual e física— emerxe como a principal preocupación: o 57,1% das mulleres sinalouna como a maior carencia, seguida da formación (42,9%) e do recoñecemento profesional (38,1%). Estes datos reflicten unha sobrecarga emocional e vital derivada da suma de responsabilidades familiares, laborais e de coidados.
A conciliación, o apoio psicosocial, a brecha dixital e a falta de tempo de lecer continúan marcando desigualdades no acceso a recursos e na calidade de vida.
Demanda dun papel activo do Concello
Respecto ás accións que agardan da administración local, o 50% das participantes solicita maior apoio formativo, o 45% demanda accións de sensibilización e un 35% aposta por aumentar e promocionar os servizos existentes, así como implementar medidas que garantan a seguridade das mulleres.
As conclusións recollidas permiten elaborar unha primeira base para un diagnóstico DAFO, identificando debilidades como a sobrecarga, a falta de conciliación ou as desigualdades formativas e dixitais, pero tamén importantes fortalezas: elevada participación, conciencia crítica, vontade de formación e implicación directa das mulleres no deseño de solucións.
Desde o Concello sublíñase que este proceso participativo constitúe unha base sólida para a elaboración de políticas públicas adaptadas á realidade local, construídas desde a voz e a experiencia das propias mulleres de Ponteareas.
O Goberno local reafirma así o seu compromiso cunha igualdade real e efectiva, que se traballa de maneira transversal durante todo o ano e coa colaboración activa da cidadanía.



