• Ponteareas está entre os 45 concellos que conseguiron a categoría de ouro ao ter declarados todos os seus areais libres de fume
• O Concello leva adherido a este programa dende 2021
O conselleiro de Sanidade Antonio Gómez fixo entrega dos diplomas das categorías de ouro que anualmente outorga a Xunta de Galicia no marco da Rede Galega de ‘Praias sen fume’.
Ponteareas é un dos 45 concellos que conseguiu o diploma na categoría de ouro ao ter declarados os seus areais libres de fume, revalidando así esta distinción que xa recibira o Concello o ano pasado.
A encargada de recibir esta distinción en nome do Concello de Ponteareas foi a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Saúde, Consumo e Colectivos Lgtbiq+ Raquel Plana, que asistiu ao acto celebrado en Cabanas.
A concelleira destacou que “este recoñecemento reflexa o esforzo do Concello de Ponteareas na protección da saúde pública de todos os veciños e visitantes que desfrutan das nosas praias fluviais e co medio ambiente. É importante concienciar e sensibilizar á veciñanza sobre os beneficios que aportan iniciativas tan importantes coma esta, mantendo limpas as praias e preservando os ecosistemas do río”.
Foi no 2021 cando o Concello de Ponteareas se adheriu á Rede Galega de ‘Praias sen fume’. Así, dende ese momento, as praias da Freixa e de San Roque mantéñense libres de malos fumes e cabichas.