O Concello de Redondela demanda á Deputación de Pontevedra a limpeza da estrada provincial EP-2906 Os Valos-Guizán, que atravesa a parroquia de Vilar de Infesta. A situación desta estrada, que atravesa varios núcleos de poboación, “é de total abandono, cunha falla de mantemento e limpeza notables”, sinala a alcaldesa, Digna Rivas. Os traballos de roza están sen realizar, e nalgúns tramos as beirarrúas están cheas de vexetación e silvas. Noutros casos, como na estrada da Teixeira EP-2901, a Deputación procedeu a facer a limpeza e roza desta vía “tras unha denuncia dos veciños nas redes sociais ante a celebración das festas deste barrio”. Desde o Concello de Redondela demándase á Deputación “unha planificación anual para a limpeza e roza das estradas de titularidade provincial ao seu paso por este municipio, do mesmo xeito que fai noutros concellos limítrofes”.
Por outra banda o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, advirte tamén da falta de limpeza e mantemento na estrada que une Redondela e Pazos, PO-250. Esta vía, competencia da Xunta de Galicia, precisa arranxos nas beirarrúas e o pintado dos pasos de peóns “porque a situación actual supón un risco para os peóns”. Villar explica que a veciñanza traslada ao Concello as queixas, e “por responsabilidade os operarios municipais están a facer reparacións para mellorar a seguridade, malia que se trata dunha competencia exclusiva da Xunta de Galicia”. O goberno local insta tamén á administración autonómica a que faga un axeitado mantemento desta estrada, que rexistra unha elevada afluencia de tráfico e peóns.