O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 17 de xullo a través da sede electrónica municipal.
O Concello de Soutomaior aprobou as bases que regulan a autorización administrativa para a instalación de postos de venda e da barra-bar da III Semana Grande de Soutomaior 2026, que se celebrará entre os días 1 e 7 de agosto con motivo das festas patronais de San Salvador.
O obxectivo desta convocatoria é organizar e garantir unha oferta comercial e hostaleira de calidade que complemente a programación festiva, contribúa ao ambiente da celebración e ofreza un mellor servizo ás persoas asistentes, asegurando ao mesmo tempo o cumprimento das condicións de seguridade, hixiene e ordenación do espazo público.
No caso dos postos de venda, poderán participar persoas autónomas, empresas e asociacións sen ánimo de lucro para a comercialización de produtos tradicionais de feira, como rosquillas, xoguetes, complementos e outros artigos propios deste tipo de celebracións.
Pola súa banda, a barra-bar contará cunha única autorización administrativa para prestar servizo durante toda a Semana Grande nas dúas localizacións previstas: o entorno da Igrexa do Divino Salvador e o Torreiro da Festa da Dez, en Candán. O procedemento realizarase en réxime de concorrencia competitiva, valorando tanto a oferta económica como aspectos sociais, técnicos, de sustentabilidade e o arraigo no municipio.
As solicitudes deberán presentarse exclusivamente a través da Sede Electrónica do Concello de Soutomaior antes do 17 de xullo, achegando a documentación establecida nas bases reguladoras.
Toda a información, os anexos e a documentación necesaria para participar nesta convocatoria están dispoñibles na páxina web municipal.
Con esta iniciativa, o Concello continúa avanzando na organización dunha Semana Grande segura, ordenada e de calidade, favorecendo a participación do tecido asociativo e empresarial e impulsando a dinamización económica e social do municipio durante unhas das festas máis destacadas do calendario local.

