O concello do Porriño informa da posta en funcionamento do autobús a Praia América para a tempada

Redacción

O servizo, prestado por Lugove no marco da concesión da Xunta de Galicia, facilita a conexión diaria entre O Porriño e o litoral durante os meses de verán e permite acceder ás bonificacións establecidas para determinados colectivos.

O Concello do Porriño informa á veciñanza da posta en funcionamento do servizo de autobús que conecta o municipio con Praia América durante a tempada estival, unha alternativa de transporte público que facilita os desprazamentos ao litoral durante os meses de xullo e agosto.

O servizo é prestado pola empresa Lugove dentro da concesión da Xunta de Galicia e manterase operativo durante o verán, ofrecendo unha conexión diaria entre O Porriño e Praia América. Ademáis, as persoas usuarias poderán beneficiarse das bonificacións previstas pola Administración autonómica para o transporte público, entre elas as correspondentes ao Carné Xove, á Tarxeta Xente Nova e ao Carné +65, segundo a normativa vixente.

A saída realizarase desde a parada situada na Avenida de Galicia ás 15:00 horas, con chegada prevista a Praia América ás 15:30 horas. O regreso efectuarase ás 20:30 horas, chegando ao Porriño arredor das 21:00 horas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de continuar dando visibilidade a este tipo de servizos de transporte público que contribúen a mellorar a mobilidade da veciñanza durante o período estival. «Facilitar o acceso a alternativas de transporte é tamén unha forma de ofrecer máis oportunidades de lecer e favorecer desprazamentos máis sostibles», sinalou.

Pola súa banda, a concelleira de Transporte Público, Vanessa Ucha, animou á cidadanía a facer uso deste servizo e lembrou que «o transporte público é unha ferramenta clave para avanzar cara a unha mobilidade máis eficiente e sostible, especialmente durante os meses de verán, cando aumenta o número de desprazamentos cara ao litoral».

Desde o Concello do Porriño anímase á veciñanza a consultar os horarios, tarifas e condicións do servizo a través das canles oficiais da empresa concesionaria e da Xunta de Galicia.

Comparte este artigo