O Concello do Porriño media na folga do lixo e avanza os detalles da nova licitación do servizo

Redacción
  • A prioridade do Concello é garantir a prestación dun servizo público esencial e defender o interese xeral da cidadanía e dos traballadores, esixindo á empresa o cumprimento estrito das súas obrigas contractuais e laborais.

Ante o anuncio da folga de lixo convocada por CIG Servizos para os días 8,9, 10, 11 e 12 de xullo debido á parálise na negociación do convenio colectivo, o Concello do Porriño está a interceder entre a empresa concesionaria e os empregados. O goberno local busca evita1o grave prexuízo que este paro suporá para as veciñas e veciños, malia tratarse dun conflito estritamente laboral e interno da empresa.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, asegurou que o executivo municipal entende perfectamente a reivindicación de mellora salarial dos traballadores, aos que cualificou como “bos profesionais que merecen unhas mellores condicións”. Por este motivo, o Concello está a interceder ante a concesionaria para que escoite as súas peticións. De feito, Lorenzo apuntou que no estudo de custos do servizo xa se contempla unha partida suficiente destinada a mellorar as condicións laborais do persoal, polo que é obriga e responsabilidade única da empresa cumprir cos traballadores e destinar eses recursos a acadar un acordo.

O rexedor explica  tamén que a empresa concesionaria solicitou ao Concello o restablecemento do equilibrio económico do contrato e, subsidiariamente, a súa resolución, ao considerar que non podía continuar prestando o servizo nas condicións inicialmente pactadas. Sen embargo, esta solicitude foi rexeitada polos servizos xurídicos municipais ao non concorrer os supostos legais que xustifican o restablecemento do equilibrio económico do contrato.

Mentres o procedemento de resolución contractual continúa a súa tramitación, o contrato segue plenamente vixente. En consecuencia, a empresa concesionaria ten a obriga de cumprir integramente co contrato, prestando o servizo nas condicións establecidas nos pregos técnicos e administrativos e conforme á oferta coa que resultou adxudicataria no ano 2021.

En paralelo, o Concello está a impulsar unha nova licitación para garantir a continuidade e a calidade dun servizo esencial, á vista dos incumprimentos detectados e da propia solicitude de resolución presentada pola empresa.

Cómpre lembrar tamén que o estudo de custos da futura licitación contempla unha partida económica importante destinada aos custos salariais do persoal do servizo de recollida de residuos. Corresponderá á empresa concesionaria, no marco das súas obrigas como empregadora, destinar eses recursos e alcanzar os acordos que procedan coa representación dos traballadores e traballadoras.

O Concello esixe á empresa concesionaria que cumpra coas obrigas asumidas no contrato e que respecte os dereitos dos seus traballadores e traballadoras. A responsabilidade da organización do servizo, do cumprimento das condicións laborais e da negociación co persoal corresponde á empresa, que debe actuar coa máxima responsabilidade para evitar que un conflito laboral prexudique á veciñanza.

A prioridade do Concello é garantir a prestación dun servizo público esencial e defender o interese xeral da cidadanía, esixindo á empresa o cumprimento estrito das súas obrigas contractuais e laborais.

Chamamento á colaboración cidadá

Ante a posibilidade de que a convocatoria de folga se manteña firme para as xornadas do 9, 10 e 11 de xullo, desde o Concello pídeselle á cidadanía paciencia e comprensión. Así mesmo, solicítase a colaboración de toda a veciñanza para que intenten evitar a proliferación e acumulación de residuos nas rúas durante eses días, colaborando na medida do posible para manter a salubridade do municipio.

Comparte este artigo