O Concello do Porriño reforza a vixilancia e prevención de incendios forestais ante a alerta por altas temperaturas

Redacción
  • A Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia nas áreas de difícil acceso ou maior concentración de masa forestal

Ante a nova vaga de calor e coa activación por parte da Xunta de Galicia do nivel 3 (vermello) de alerta por episodio de calor en gran parte da provincia, o Concello do Porriño, a través da Policía Local e de Protección Civil, reforza o dispositivo especial de vixilancia e prevención de incendios forestais no municipio.

O operativo centrarase especialmente nas zonas forestais, espazos periurbanos e áreas de maior risco, co obxectivo de detectar de forma temperá calquera conato de incendio e previr condutas neglixentes ou intencionadas que poidan poñer en risco a contorna natural e a seguridade da cidadanía.

Como parte deste dispositivo, a Policía Local empregará un dron para realizar labores de vixilancia aérea naqueles puntos de difícil acceso ou con maior concentración de masa forestal. Esta ferramenta permitirá ampliar a capacidade de observación dos axentes e facilitar unha resposta máis rápida ante calquera incidencia.

Pola súa banda, Protección Civil do Porriño colaborará nas tarefas preventivas mediante patrullas de vixilancia, apoio loxístico e presenza nos puntos considerados de maior risco, reforzando a coordinación coa Policía Local e co resto dos servizos de emerxencias.

Desde ambos os servizos faise un chamamento á responsabilidade da cidadanía para extremar as precaucións durante estes días de altas temperaturas, evitando calquera actividade que poida provocar un incendio e respectando as recomendacións e restricións vixentes en materia de prevención.

Así mesmo, lémbrase que, ante a presenza de fume, lume ou calquera comportamento sospeitoso en zonas forestais, débese avisar de inmediato ao 112 ou á Policía Local do Porriño, xa que a rapidez na comunicación resulta fundamental para minimizar as consecuencias de calquera emerxencia.

A Policía Local e Protección Civil do Porriño manterán este dispositivo especial mentres persistan as condicións de risco, reafirmando o seu compromiso coa protección do medio natural e coa seguridade de toda a veciñanza.

Comparte este artigo