O concello intensifica a retirada de vehículos abandonados

Redacción

– A Policía Local iniciou o procedemento na rúa O Muro cun balance dunha ducia vehículos notificados, logrando que varios propietarios xa os retirasen de forma voluntaria. O Boletín Oficial do Estado publicou tamén o anuncio definitivo para outros dous turismos. Os donos teñen ata o 13 de xullo para actuar antes de que sexan desguazados como residuos.

O Concello de Redondela, a través dun plan conxunto entre a Concellería de Seguridade Cidadá e a Xefatura da Policía Local, continúa desenvolvendo de forma intensiva a súa campaña contra o abandono de vehículos na vía pública. Esta medida busca liberar prazas de estacionamento, garantir a salubridade das rúas e mellorar a seguridade viaria e a imaxe urbana en todo o termo municipal. As primeiras actuacións e notificacións directas aos titulares centráronse na rúa do Muro, onde os axentes da Policía Local abriron expediente a arredor dunha ducia de vehículos tras constatar, mediante actas de seguimento de un mínimo de dous meses, o seu aparente estado de abandono. Esta fase inicial da campaña está a ser un éxito de concienciación, posto que a día de hoxe varios deses automóbiles xa foron retirados de forma voluntaria polos seus propios donos tras recibir o requirimento oficial do Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que con estas actuacións “damos resposta a unha demanda dos residentes en zonas con alta densidade de tráfico”. Rivas sinalou que “un coche abandonado non é só un problema estético ou de falta de aparcamento; convértese nun foco de insalubridade, lixo e perigo para os peóns”. A rexedora fixo tamén un chamamento “á responsabilidade cidadá para evitar que a vía pública sexa utilizada como un desguace improvisado”.

Último aviso legal no BOE. Paralelamente, o procedemento administrativo segue o seu curso legal para aqueles casos nos que resultou imposible localizar ou notificar aos propietarios por vía directa. Publicouse no Boletín Oficial do Estado (BOE) o anuncio oficial para dous turismos localizados na Avda. Ernestina Otero e no Camiño da Tafona. O prazo finalizará o próximo luns 13 de xullo. O Concello advirte de que, se nesa data os titulares non presentan alegacións nin proceden á retirada dos coches (previo aboamento das taxas correspondentes), ambos turismos serán declarados oficialmente como Residuos Sólidos Urbanos (RSU) ao amparo da Lei de Residuos de Galicia. Unha vez ditada esta resolución, o Concello procederá á súa retirada co guindastre e ao seu posterior despezamento e destrución definitiva nun centro autorizado de reciclaxe, repercutindo todos os custos económicos aos propietarios.

As sancións ás que se expoñen os propietarios son multas por abandono que van dende os 751 € ata os 1.500 €, podéndose impor multas coercitivas repetitivas de ata 3.000 € . O titular debe tamén pagar obrigatoriamente a taxa do guindastre, os custos de depósito e os gastos do traslado e destrución no desguace.

Comparte este artigo